A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visita a zona para comprobar a eficacia das tarefas de loita contra a especie invasora

A Xunta inviste preto de 311.000 € nos traballos para a eliminación de máis de 26 hectáreas de acacia negra no Parque Natural do Monte Aloia

O control da Acacia melanoxylon neste espazo protexido comezou en xaneiro de 2025 e rematará en outubro de 2026 co obxectivo de neutralizar o impacto desta especie invasora sobre os hábitats e a diversidade da zona

Ángeles Vázquez lembra que esta acción forma parte do plan integral para preservar a rede galega de parques naturais

Tui (Pontevedra), 23 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia leva varios meses realizando traballos de eliminación da Acacia Negra (Acacia melanoxylon) no Parque Natural do Monte Aloia, localizado no concello de Tui (Pontevedra), nunha actuación moi laboriosa que implica un investimento total de preto de 311.000 euros e un prazo de execución de 21,5 meses. Erradicar esta especie alóctona contribúe a asegurar o futuro forestal, paisaxístico, medioambiental e económica da zona en Pazos de Reis, neste municipio pontevedrés.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, desprazouse hoxe á zona para comprobar os traballos que se realizan para loitar contra esta especie invasora en terreos deste espazo protexido. Na visita estivo acompañada do delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo, e doutros representantes da administración autonómica, así como do Parque Natural e dos propietarios do monte en man común de Rebordáns e da Entidade Local Menor de Pazos de Reis.

Ángeles Vázquez aproveitou a ocasión para expresar o agradecemento do Goberno galego á Entidade Local Menor e á comunidade de montes pola súa implicación na rexeneración natural do Monte Aloia o que, segundo apuntou, está a contribuír a que veciños de Tui e visitantes doutros puntos de Galicia desfruten deste espazo protexido. Asegurou que este parque natural é unha “xoia” que está a incrementar o número de visitantes e de persoas que acudiron ao centro de interpretación, o que demostra o interese polos hábitats e as especies presentes nesta zona.

Neste contexto, aludiu á protección das especies de interese comunitario e explicou que Medio Ambiente, logo de investigar distintos sistemas e buscar o máis acaído, desenvolve una planificación de varios meses con traballos ”minuciosos e custosos” para erradicar a principal especie invasora que afecta a este parque natural.

Detalle dos traballos

A presenza da Acacia negra estaba supoñendo un problema para Parque Natural do Monte Aloia polo forte impacto ambiental e a modificación de hábitats naturais, polo que desde principios deste ano e hasta outubro de 2026 se irán executando diferentes tarefas para lograr a súa eliminación de 26,24 hectáreas e, ata agora, xa se actuou sobre unha superficie de 8,22 hectáreas.

Para lograr erradicar esta especie alóctona, os operarios e técnicos están a realizar diferentes labores segundo o tipo e densidade de pés de acacia presentes en cada zona de actuación. En concreto, as operacións van desde o descortezado manual, pasando polo apeo manual empregando motorrozadoras ou motoserras e o efectuado mediante procesadora forestal, así como o apilado de árbores de pequeno diámetro e peso e trituración mecanizada de restos acumulados en superficies con diferentes pendentes.

Estes traballos permitirán mellorar a conservación e a valorización do patrimonio natural e cultural mediante o establecemento de medidas de xestión para a eliminación de especies exóticas invasoras e o restablecemento da naturalidade. Asemade, están a contribuír á rexeneración natural de especies autóctonas, entre elas, o piñeiro.

A erradicación da Acacia melanoxylon é a medida vencellada ao Monte Aloia dentro do plan integral para preservar a rede galega de parques naturais, ao que se destina un orzamento global de 18,5 millóns de euros.

O Monte Aloia foi o primeiro Parque Natural declarado en Galicia, en 1978, aínda que é o máis pequeno dos seis parques naturais da comunidade con 746 hectáreas. Este espazo protexido alberga un total de dez tipos de hábitats tipificados como de interese comunitario, dos cales dous son considerados como prioritarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2025