O presidente da Xunta de Galicia participou hoxe en Vigo no acto de sinatura do convenio entre Administración autonómica e UVigo para a rehabilitación e cesión dos inmobles
Rueda celebra a aposta da Xunta pola universidade coa cesión de dous edificios emblemáticos da antiga ETEA
O obxectivo é reforzar o vínculo da universidade coa cidade e coa sociedade galega, transformando os edificios en novos espazos ao servizo da docencia, a investigación e a creación cultural
Apunta que esta actuación se enmarca no apoio continuado da Xunta á Universidade de Vigo, con máis de 36 millóns de euros investidos en proxectos estratéxicos nos últimos anos
Vigo, 23 de setembro de 2025
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou hoxe no acto de sinatura do convenio entre a Administración autonómica e a Universidade de Vigo que permitirá a rehabilitación e cesión dos dous edificios da antiga ETEA por un período máximo de 75 anos. Subliñou que este acordo reforza a vinculación da universidade coa cidade e coa sociedade galega, ao transformar inmobles de alto valor simbólico en novos espazos ao servizo da docencia, a investigación, a creación cultural e o conxunto da cidadanía: “De todos os usos posibles, creo sinceramente que este é o mellor. Estou contento de poñelo nas mellores mans e no mellor destino e comprometo tamén o apoio da Xunta de Galicia”, apuntou o presidente.
Segundo explicou, esta iniciativa supón un paso máis na consolidación do campus de Vigo como motor de coñecemento e innovación, abrindo novas oportunidades de desenvolvemento académico, científico e cultural. Rueda puxo en valor a colaboración institucional e o liderado do reitor, Manuel Reigosa, que contribuíron a dotar á Universidade de Vigo dunha folla de ruta clara baseada en ser útil á sociedade e proxectarse como motor de futuro, e con “un esforzo que leva facendo este equipo por consolidar centros universitarios moi potentes”.
O titular do Executivo galego lembrou que esta actuación enmárcase nun apoio continuado da Xunta á Universidade de Vigo, que nos últimos anos xa recibiu máis de 36 millóns de euros en proxectos estratéxicos. Entre eles, destaca o respaldo aos centros de investigación de excelencia AtlanTTIC, CINBIO e CIM, o desenvolvemento do Campus Auga en Ourense ou o novo edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica do Espazo, actualmente en execución.
Rueda enmarcou este esforzo no Plan de Financiamento Universitario 2022-2026, que mobiliza case 3.100 millóns de euros e garante ás tres universidades galegas estabilidade e capacidade de planificación, para “rehabilitar os edificios que estimen oportunos, facendo novas construcións o dándolle nova vida a construcións que xa existen, como é o caso”. Ademais, e neste sentido, a Xunta rubricará en novembro un novo acordo de 4 millóns de euros dirixido a reforzar a innovación docente, a dixitalización de espazos e o equipamento científico punteiro.
Galicia foi a primeira comunidade autónoma en acadar o 1% do PIB en investimento universitario, case sete anos antes do prazo estatal, e a Comunidade tamén liderou a implantación da matrícula universitaria gratuíta, que beneficia xa a máis de 28.000 estudante. A isto engádese a conxelación das taxas desde hai 14 anos, que sitúan a Galicia entre as autonomías con prezos máis baixos e permiten un aforro de máis de 20 millóns de euros ás familias.
O presidente concluíu que a sinatura do convenio non é só un acordo patrimonial, senón unha aposta polo futuro baseada na recuperación dos espazos públicos, a excelencia académica e a innovación científica e cultural. E insistiu en que Vigo debe sentirse protagonista do mapa universitario galego: “Seguiremos apostando por esta cidade, polas universidades públicas que nos prestixian. E estou seguro de que isto en pouco tempo será un orgullo para toda a comunidade universitaria e tamén para todos os vigueses”, rematou o presidente.