Ángeles V. Suárez asistiu á presentación das accións
O GALP Ría De Vigo-A Guarda impulsa sete proxectos de dinamización da actividade marítimo-pesqueira por valor de 385.000 euros
As iniciativas están promovidas polas confrarías de Moaña, Redondela e Arcade, por Conxemar e AFAMO, e polos Concellos de Soutomaior e Vilaboa
Teñen por obxectivo a creación de emprego, a diversificación da actividade marítimo-pesqueira, a inclusión social e o desenvolvemento territorial das localidades dependentes da pesca e da acuicultura
En 2025, a Xunta ten concedidos aos oito GALP existentes na comunidade 9,7 millóns de euros para a execución de 160 proxectos
Vigo, 23 de setembro do 2025
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou este martes na presentación de sete proxectos que impulsa o Grupo de Acción Local (GALP) Ría de Vigo-A Guarda, no marco da convocatoria deste ano, e que contan cunha achega autonómica de 385.000 euros.
Estas accións teñen por obxectivo o apoio á empregabilidade, a diversificación da actividade marítimo-pesqueira, a inclusión social e o desenvolvemento territorial das zonas dependentes da pesca e da acuicultura. Os seus promotores son as confrarías de pescadores de Moaña, Redondela e de Arcade, así como Conxemar e a Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras demencias do Morrazo (AFAMO) e os Concellos de Soutomaior e Vilaboa.
Deste xeito, as desenvolvidas polos tres pósitos son as seguintes: Moaña 0.0, proxecto destinado á posta en valor dos produtos que comercializa a confraría; adquisición dun vehículo isotérmico para a mellora da comercialización e distribución dos alimentos pesqueiros de Redondela; e Aula do Mar, dirixido á sensibilización na xestión do recurso e á posta en valor dos oficios tradicionais e das especies que pon á venda o pósito de Arcade.
No caso do de Conxemar, baixo a denominación de Conxelab, afóndase na difusión da cadea de valor da pesca e a acuicultura, e no uso de prácticas de pesca sostible, que aposten pola transición enerxética e a economía circular. Pola súa banda, a acción de AFAMO favorece o avellentamento activo e a inclusión social a través do mar, creando espazos interxeracionais de aprendizaxe e xogo, e dinamizando o territorio mediante actividades culturais e de sensibilización.
O Concello de Soutomaior desenvolveu “A memoria sostible: a paisaxe litoral fluvial de Soutomarior”, destinada á protección do patrimonio histórico-etnolóxico do conxunto dos muíños e á súa posta en valor mediante a sensibilización sobre o seu estado e actividades sostibles na contorna. Finalmente, o proxecto da entidade local de Vilaboa, persegue a valorización e recuperación a nivel medioambiental e cultural do complexo das Salinas do Ulló, declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
Entidades colaboradoras da Consellería
O GALP Ría de Vigo-A Guarda é un dos oito Grupos de Acción Local Pesqueira existentes en Galicia. Son entidades colaboradoras da Consellería do Mar que funcionan como axentes de desenvolvemento do litoral galego.
Neste ano 2025, a Xunta ten concedidos 9,7 millóns de euros a 160 proxectos, dos que o 60% foron destinados a actividades sen fins de lucro. O 40% restante son de actividade económica. Mobilizaron en conxunto un investimento privado de 6,1 millóns de euros coa previsión de creación de 70 empregos a tempo completo.
Os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro engloban a máis de 400 organizacións locais, preto dun cento do sector pesqueiro, que representan a máis de 13.000 profesionais do mar. O Goberno galego leva financiados ou aprobados desde a entrada en vigor do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 un total de 347 proxectos que mobilizarán 46,4 millóns de euros.