O Servizo Galego de Saúde publica as puntuacións definitivas da fase de oposición dos procesos para ingresar en sete categorías de persoal sanitario non facultativo e de xestión e servizos

Superaron a fase de oposición 1.013 aspirantes presentados aos exercicios

Ofértanse 236 prazas en catro categorías de técnico superior sanitario e tres de grupos da función administrativa, incluídas 43 reservadas a persoas con discapacidade intelectual

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as puntuacións definitivas e a finalización da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico superior en dietética, técnico superior en documentación sanitaria, técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa e grupo auxiliar da función administrativa.

Nestes procesos selectivos ofértanse, polo sistema de concurso-oposición, un total de 236 prazas, das cales 158 corresponden a diversas categorías de persoal sanitario de formación profesional, en concreto: 8 corresponden á técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, 16 técnico superior en dietética, 13 a técnico superior en documentación sanitaria e 121 a técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico.

Nas categorías de persoal de xestión e servizos ofértanse 78 prazas, das cales 9 corresponden á categoría do grupo técnico da función administrativa, 26 ao grupo de xestión da función administrativa e 43 ao grupo auxiliar da función administrativa (prazas reservadas para seren cubertas por persoas con discapacidade intelectual).

Presentáronse aos exercicios da fase de oposición 3.024 aspirantes, dos cales aprobaron 1.013 persoas, o que supón unha porcentaxe de aprobados do 33,49 %.

As puntuacións definitivas atópanse publicadas á disposición dos interesados na páxina web do Servizo Galego de Saúde.

Con esta publicación declárase finalizada a fase de oposición dos referidos procesos selectivos.

O seguinte paso será a publicación dos listados coa baremación provisional da fase de concurso cos méritos dos aspirantes que resultaron aptos nesta fase de oposición.

Data de actualización: 24/09/2025