A titular de Mar visitou a Autoridade Portuaria
Villaverde destaca o Porto da Coruña como referente da rede portuaria que concentra o 25% das descargas de productos pesqueiros da comunidade
A responsable autonómica mantivo un encontro de traballo cos xestores desta infraestrutura portuaria para analizar a situación actual e valorar liñas de colaboración entre ambas administracións
Tamén trasladou o apoio do Goberno galego as iniciativas en curso como o impulso do Porto Exterior como polo de atracción de sectores emerxentes ou Coruña Marítima que aspira a transformar a fachada da cidade
A Coruña, 24 de setembro do 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, realizou unha visita institucional á Autoridade Portuaria da Coruña na que destacou esta infraestrutura como referente no marco da rede de portos galegos no que o sector pesqueiro ten un gran protagonismo. Así salientou que no peirao coruñés concéntranse o 25% das descargas de peixe a nivel galego con máis de 19.000 toneladas no que vai de ano, un 10% máis que no mesmo período do 2024, e que xeraron unha facturación de 52 millóns de euros. Unhas cifras que poñen negro sobre branco a dimensión dun sector que precisa dunhas instalacións adecuadas e modernas para o desenvolvemento da súa actividade, cun impacto directo na súa competitividade e sostibilidade.
Esta visita é a segunda que realiza a conselleira do Mar a unha das cinco autoridades portuarias que xestionan os portos de interese xeral en Galicia desde que tomou posesión. Neste encontro de traballo abordou cos xestores desta infraestrutura portuaria a situación actual e valorou posibles liñas de colaboración entre ambas administracións que permitan dar resposta ás necesidades da actividade pesqueira. Marta Villaverde recordou que a comunidade conta cunha ampla rede composta de 128 peiraos, dos cales 122 son de titularidade autonómica, que é das máis extensas de España o que obriga a afrontar grandes retos en xestión e investimentos.
A conselleira do Mar resaltou o feito de que ambas administracións comparten liñas de traballo neste ámbito e puxo en valor iniciativas en curso no porto coruñés como o impulso do Porto Exterior como polo de atracción de sectores emerxentes vencellados ás novas tecnoloxías e á transición enerxética. Unha aposta clara e de futuro polo Green Port que supón importantes investimentos públicos e privados e que situarán á comunidade como referente a nivel internacional.
Nesta liña, tamén salientou o proxecto Coruña Marítima que aspira a transforma a fachada da cidade abrindo terreos portuarios a novos usos cidadás. Unha iniciativa ambiciosa que supón a reconfiguración das relacións porto-cidade á vez que se potencia a actividade portuaria con actividades en crecemento como a náutica ou as escalas de cruceiros, 94 ata xullo con máis de 250.000 pasaxeiros.
Por outra banda, Marta Villaverde aproveitou a súa visita para manter unha reunión a tres bandas con representantes do sector pesqueiro local. Tamén visitou a rula coruñesa e o Porto Exterior, coa finalidade de coñecer de primeira man as actuacións en curso neste recinto portuario.