Gómez Caamaño pide axilidade na cesión da parcela para o centro de saúde do Sagrado Corazón de Lugo e anuncia o inminente inicio da reforma do centro da Milagrosa, cun investimento da Xunta de 3,2 millóns
O conselleiro lamenta que o Concello de Lugo aínda non teña formalizada a permuta dos terreos que albergarán o novo centro de saúde, que suporá un investimento de 4,8 millóns de euros
Salienta o interese da Xunta por atender a demanda dos veciños e profesionais do barrio do Sagrado Corazón de contar cun novo centro de saúde máis amplo, moderno e accesible
A actuación permitirá triplicar a superficie do actual centro, dándolle servizo a 10.000 veciños, xa que a nova infraestrutura permitirá tamén reorganizar as cotas dos centros de saúde de San Roque e Illas Canarias
Salienta o compromiso da Consellería de Sanidade coas infraestruturas sanitarias en Lugo, xa que, tras investir 17 millóns de euros na construción do Centro Integral de Saúde, está a piques de comezar a reforma na Milagrosa
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, instou esta tarde ao Concello de Lugo a axilizar a cesión da parcela necesaria para a construción do novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón de Lugo, unha actuación que suporá un investimento estimado de 4,8 millóns de euros.
Durante a súa intervención no Parlamento de Galicia, o titular de Sanidade lamentou a lentitude duns trámites que impiden impulsar un proxecto cuxa situación “non mudou demasiado desde hai case dous anos”. Así, reiterou que o Executivo galego segue á espera duns terreos axeitados para erguer esta nova infraestrutura de atención primaria.
Gómez Caamaño incidiu en que a Xunta ten a firme vontade de impulsar o novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón “canto antes” e lembrou que, desde sempre, considerou que o lugar acaído para facelo era a parcela do antigo colexio.
Así, subliñou o interese por atender a demanda dos veciños e profesionais do barrio do Sagrado Corazón de contar cun novo centro de saúde máis amplo, moderno e accesible.
Explicou que o pasado mes de maio Xunta e Concello mantiveron unha reunión na que a Administración autonómica solicitou a cesión desa parcela co compromiso de facer alí o novo centro de saúde.
Lembrou que a parcela do antigo colexio ten unha superficie superior á necesaria para a execución do centro de saúde e, ademais, con edificacións que hai que demoler. Nese sentido, na reunión de maio a Administración autonómica indicou que estaría disposta a asumir a titularidade do conxunto da parcela e parte do custo das demolicións, pero o Concello deberá facerse cargo da súa urbanización e mantemento.
O acordo acadado foi que se cuantificarían os custos dos accesos e da urbanización para determinar o financiamento que deberá asumir cada administración, e niso é no que está a traballar a Xunta.
“Queremos axilizar un novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón que triplique o espazo dispoñible”, subliñou Gómez Caamaño, un novo inmoble que contará con 7 consultas de medicina xeral, 7 consultas de enfermería, 1 de pediatría e outra de enfermería pediátrica.
O conselleiro incidiu na necesidade de que o Concello ceda a parcela ao Servizo Galego de Saúde para poder impulsar, de xeito definitivo, un novo centro de saúde que contribuirá á rexeneración dun barrio emblemático de Lugo, con espazos dispoñibles para o desenvolvemento futuro de novos proxectos.
Lugo, protagonista do Plan de infraestruturas sanitarias
O titular da carteira sanitaria da Xunta remarcou a firme aposta do Executivo galego por mellorar as infraestruturas sanitarias da cidade de Lugo.Puxo como exemplo deste compromiso a construción do Centro Integral de Saúde de Lugo, pioneiro na comunidade galega, ao integrar nun só espazo múltiples servizos no nivel asistencial máis próximo á cidadanía. Así, e tras un investimento de máis de 17 millóns de euros, os máis de 42.000 veciños adscritos ao centro do barrio da Residencia poden acceder, entre outros, aos servizos de fisioterapia, odontoloxía, farmacia e saúde mental que acolle este centro.
Xunto co novo CIS de Lugo, o Executivo galego tamén está a piques de comezar a reforma do Centro de Saúde da Milagrosa. Unha actuación que suporá un investimento da Xunta de 3,2 millóns de euros e que dá servizo a 24.000 usuarios.