Fabiola García pide responsabilidade á oposición e que non tente facer política co ataque violento contra o centro específico de atención a menores de Monforte

A conselleira de Política Social e Igualdade agradece que, tras moitos meses de críticas ao sistema de protección da infancia e da adolescencia, agora os grupos políticos recoñezan que se trata dun modelo integrador e inclusivo

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, volveu condenar esta tarde no Parlamento o ataque violento rexistrado a pasada fin de semana no futuro centro de menores migrantes non acompañados que a Xunta abrirá en Monforte de Lemos. Na súa intervención, instou aos grupos da oposición a “a non facer uso político da violencia e a non usar este acto para polarizar á sociedade”.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, instou ao BNG a “actuar con responsabilidade” e a non lanzar mensaxes que incitan ao odio, como o feito de responsabilizar directamente ao presidente da Xunta deste acto violento. Ademais, reclamou que se deixen de usar termos “totalmente inaceptables” como referirse a estas instalacións como campos de concentración. Por último, solicitou que “se deixe de alarmar á sociedade” coa atención que o Goberno galego ofrecerá aos menores, que será integral, tanto sanitaria, como educativa e social.

Fabiola García agradeceu que, tras moitos meses de críticas ao sistema de protección da infancia e da adolescencia, agora a oposición recoñeza que se trata dun modelo integrador e inclusivo. E destacou que, debido á imposición do traslado de 317 menores por parte do Goberno central, será dentro deste sistema onde se crearán centros específicos para atender aos menores migrantes.

A conselleira destacou que xa se recibiron 15 expedientes de traslado e que o obxectivo do Goberno galego é dar unha resposta “rápida e integral”. Sobre esta cuestión, volveu lamentar un reparto arbitrario e sen consenso coas comunidades autónomas “que so responde aos pactos do Goberno central cos seus socios”. Así, lembrou que a comunidades como País Vasco ou Cataluña non se lle asignou ningún reparto. Por último, lembrou que Galicia, xunto a outras 10 comunidades de distinto signo político, ten presentado un recurso ante o Tribunal Constitucional, ao tempo que sinalou que seguirá a recorrer en todas as instancias os decretos e normativas que o Executivo central siga impoñendo nesta materia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2025