Belén do Campo destaca a aposta da Xunta pola cidade da Coruña co patrocinio este ano de 34 eventos musicais dentro dos 'Concertos do Xacobeo'

A representante autonómica puxo en valor a consolidación da Coruña como referente da música en vivo no noroeste peninsular, lembrando que a Xunta apoia ao longo deste ano un total de 34 grandes eventos musicais dos cales 8 aínda están pendentes de celebrarse

A delegada destacou que os Concertos do Xacobeo son “moito máis ca música, pois representan tamén un motor económico, turístico e cultural que reforza a proxección exterior da cidade”

A Coruña, 25 de setembro de 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, destacou hoxe no Coliseum herculino a importancia da programación musical que está a acoller a cidade no marco dos Concertos do Xacobeo, coa celebración venres 26 e este sábado, 27 de setembro, das actuacións de Quevedo, un dos artistas máis destacados da música urbana a nivel nacional e internacional.

Durante a presentación, Belén do Campo subliñou que “é un verdadeiro pracer estar hoxe aquí, durante o montaxe deste espectáculo, para presentar os concertos dun referente musical que promete ser inesquecible para os seus seguidores e para todos aqueles que aprecian a boa música en directo”.

A representante autonómica puxo en valor a consolidación da Coruña como referente da música en vivo no noroeste peninsular, lembrando que a Xunta apoia ao longo deste ano 34 eventos, 8 dos cales están aínda pendente de celebrar como: Noites do Porto - 22 de setembro a 2 de outubro - Porto da Coruña; Quevedo – 26-27 de setembro – Coliseum; Coque Malla - 4 de outubro - Palacio da Ópera; Manuel Turizo - 19 de outubro - Coliseum ; Vanesa Martín - 8 de novembro - Palacio da Ópera; Intermodal A Gran Viaxe Musical: Amistat - 21 de novembro - Teatro Colón; Intermodal A Gran Viaxe Musical: Mariza - 7 de decembro - Palacio da Ópera e Grandes del Gospel - 18 de decembro - Palacio da Ópera.

Neste sentido, salientou a calidade excepcional da programación dos Concertos do Xacobeo, que trouxo á cidade artistas internacionais da talla de Franz Ferdinand, Lenny Kravitz, Alanis Morissette ou Lionel Richie, no marco do O Gozo Festival, así como Dani Fernández, Ryan Adams dentro do ciclo Maresía, ademais de nomes como Chayanne, Vanesa Martín, Nathy Peluso, Ozuna, Peso Pluma, Residente ou Paloma San Basilio, e cabezas de cartel dos festivais Morriña Fest, Recorda Fest ou Coruña&Sound con Leiva e Marc Anthony.

A representante do Goberno autonómico subliñou que “as cifras de investimentos falan por si soas, xa que de forma directa Turismo de Galicia destinou máis 2 millóns euros a estes espectáculos na cidade da Coruña e a cifra  increméntase aínda máis se sumamos os eventos que comparte con outras cidades galegas”.

Ademais, destacou que os Concertos do Xacobeo son “moito máis ca música, pois representan tamén un motor económico, turístico e cultural que reforza a proxección exterior da cidade e de Galicia”.

Sobre as citas desta fin de semana, Belén do Campo indicou que “os concertos de Quevedo serán dos máis esperados deste calendario, cun repertorio que combina os seus grandes éxitos con novidades que farán vibrar ao público”.

A delegada da Xunta animou a gozar destes eventos que “contribúen a facer da Coruña un referente para artistas e público de todo o mundo”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2025