A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou a actuación do último tramo que vén de rematar a Administración autonómica e que discorre por Ponte Caldelas

A Xunta completa a mellora integral da estrada PO-234 que conecta os concellos de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade

O Goberno galego vén de finalizar os traballos no terceiro dos treitos nos que se dividiu esta mellora, entre Laxoso e o cruce de Portasouto en Ponte Caldelas, nos que investiu un millón de euros

Con este treito a Xunta completou a mellora da seguridade nos 7 quilómetros desta PO-234, que incluíu en todo o seu percorrido o ensanche da calzada ata os 7 metros e a mellora de interseccións e rectificación de curvas, cun investimento de 2,3M€

Ademais, dotouse de sendas peonís ao viario nos lugares de Laxoso e Augasantas, sumando case 1 km de itinerario para facilitar os desprazamentos da veciñanza de forma segura

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas subliñou a aposta da Xunta para garantir a funcionalidade, comodidade e seguridade na rede viaria autonómica

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025

A Xunta acaba de completar a mellora integral da estrada autonómica PO-234 que conecta os concellos de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, supervisou hoxe a posta en servizo do terceiro dos treitos nos que se dividiu esta mellora, de 1,5km entre Laxoso e o cruce de Portasouto, no que investiu un millón de euros.

Allegue subliñou que a intervención realizada “ten transformado de xeito integral o viario” e indicou que o investimento total na estrada ascendeu a 2,3M€. Con anterioridade, executáranse outros dous tramos da estrada que pasa por Ponte Caldelas (2020) e o outro por Cerdedo Cotobade (2018). “Son case 7km de viario que temos mellorado na súa totalidade nestes últimos anos con esa necesaria planificación por fases”, destacou.

Abordouse, como indicou a conselleira, unha actuación integral de mellora da estrada que incluíu en todo o seu percorrido o ensanche da calzada ata os 7 metros, a mellora de interseccións, rectificación de curvas e a mellora da sinalización.

Ademais, dotouse de sendas peonís ao viario nos lugares de Laxoso e Augasantas, sumando case 1 km de itinerario para facilitar os desprazamentos da veciñanza de forma segura.

A conselleira destacou a aposta da Xunta en materia de infraestruturas, cun esforzo inversor tanto para seguir ampliando e mellorando a rede viaria autonómica como garantindo o seu mantemento e conservación, “sempre cunha folla de ruta ben marcada: planificamos, investimos e executamos para seguir vertebrando Galicia, e seguiremos investindo o que sexa necesario para garantir a funcionalidade, comodidade e seguridade nas nosas estradas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2025