A Xunta garante que a posta en servizo do Olimpia Valencia en Vigo mellorará a atención aos pacientes con novos servizos e máis profesionais en instalacións amplas, modernas e accesibles
O xerente do Sergas explica no Parlamento que o Olimpia Valencia exemplifica o novo modelo de centro sanitario polo que aposta a Xunta, integrando nun mesmo espazo atención primaria ordinaria, atención urxente e distintos servizos especializados
Permitirá concentrar nun único espazo consultas de medicina de familia, pediatría, fisioterapia, saúde bucodental, farmacia, telemedicina, servizos de apoio diagnóstico e psicoloxía pediátrica
Incide en que o Olimpia Valencia entrará en servizo avalado pola satisfactoria experiencia dos centros integrais que xa están en funcionamento: os de Lugo e Lalín
Remarca que o Olimpia Valencia ofrecerá unha atención máis eficaz, evitando desprazamentos entre consultas, incrementando o seguimento dos pacientes e a coordinación entre equipos multidisciplinares
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, garantiu que a posta en funcionamento do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia en Vigo mellorará a atención aos pacientes con novos servizos e máis profesionais en instalacións amplas, modernas e accesibles.
O xerente do Sergas explicou na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia que este novo centro da rede sanitaria pública galega representa un modelo asistencial avanzado, ao concentrar nun único espazo consultas de medicina de familia, pediatría, enfermería, fisioterapia, saúde bucodental, farmacia, telemedicina e servizos de apoio diagnóstico.
O Olimpia Valencia forma parte da Estratexia de modernización da atención primaria que o Goberno galego ten posto en marcha e é exemplo do novo modelo de centro sanitario polo que aposta o Servizo Galego de Saúde, integrando nun mesmo espazo atención primaria ordinaria, atención urxente e distintos servizos especializados.
O xerente do Servizo Galego de Saúde incidiu en que o Olimpia Valencia entrará en servizo avalado pola satisfactoria experiencia dos centros integrais de saúde que xa están en funcionamento: o de Lugo e o de Lalín.
Este modelo asistencial posibilita aos pacientes evitar desprazamentos entre centros e recibir unha atención resolutiva e integral. Ademais, mellora a coordinación entre profesionais.
Melloras para os profesionais
O xerente explicou no Pazo do Hórreo que a reorganización que se levará a cabo coa posta en marcha do Olimpia Valencia permitirá liberar espazos en centros como o Nicolás Peña, que se poderán destinar a necesidades prioritarias, como saúde mental, ademais de mellorar as condicións laborais dos profesionais, o que resulta clave para reter talento.
En consecuencia, incidiu o responsable do Sergas, melloran as ratios asistenciais, ao optimizarse axendas e equipos para incrementar o servizo.
Tamén subliñou José Ramón Parada que a apertura do Olimpia Valencia suporá o traslado e centralización do servizo de pediatría de varios centros de saúde da contorna, derivando a súa actividade ás novas dependencias co obxectivo de mellorar a calidade asistencial e para garantir a continuidade dos coidados nunhas instalacións de primeiro nivel, con tecnoloxía e equipamentos máis avanzados e, ademais, coa creación dunha consulta de psicoloxía infantil no propio centro.
En consecuencia -concluíu o xerente- hai unha mellora da atención e dos servizos e o Olimpia Valencia ofrecerá unha atención máis eficaz que evitará desprazamentos entre consultas, incrementando o seguimento dos pacientes e a coordinación entre equipos multidisciplinares.
Máis de 16 de investimentos e máis de 7.300 m2
O importante investimento da Xunta nesta nova instalación, 17 millóns de euros, e os máis de 7.300 m2 construídos beneficiará a 42.000 veciños e veciñas de Vigo, que gañarán en calidade asistencial, en accesibilidade e en eficiencia e os profesionais seguirán a atender o mesmo número de pacientes pero en mellores condicións.
Tamén lembrou o xerente os máis de 1.000 millóns de euros dos orzamentos da Xunta para este ano destinados á prestación sanitaria na área de Vigo, coa apertura de novos centros de saúde en Navia, Taboada Leal e Bouzas e o impulso dos de Moaña, Mos ou Ponteareas.
A isto hai que engadir as melloras en atención hospitalaria, como a ampliación do hospital de día, a nova unidade maxilofacial, a ampliación da unidade de hospitalización a domicilio ou a inminente ampliación da hospitalización infanto-xuvenil.
En definitiva -concluíu o xerente- a apertura do Olimpia Valencia é unha aposta polo futuro da atención primaria en Vigo, un investimento en saúde para as próximas xeracións e unha decisión responsable que busca o equilibrio entre as necesidades da poboación, a dispoñibilidade de profesionais e a sostibilidade do sistema.