A Xunta pon en valor a aposta do Matadoiro Celtaverde pola produción ecolóxica certificada

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria visitou hoxe as instalacións desta empresa no concello lucense de Taboada, onde traballan con gando bovino, porcino, ovino, caprino e, proximamente, con equino

Ademais, tamén asistiu ao pleno do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, no que Celtaverde está inscrito

Taboada (Lugo), 25 de setembro de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou hoxe as instalacións do matadoiro que a empresa Celtaverde ten no concello lucense de Taboada, onde salientou a aposta desta entidade pola produción en ecolóxico, que dende o ano 2007 está inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Alemparte recoñeceu a diversidade deste matadoiro, que naceu co obxectivo de atender as demandas dos veciños da comarca. Nel pode realizarse o sacrificio de gando bovino, porcino, ovino, caprino e proximamente equino. Coas súas instalacións ofrecen servizos de sacrificio, despezamento, fileteado e envasado.

Ademais, puxo de relevo o seu compromiso coa calidade alimentaria, xa que Celtaverde é unha das empresas colaboradoras da campaña Come Local, que ten por obxectivo promocionar o produto galego de calidade certificada e de proximidade entre o alumnado dos centros escolares galegos.

Pleno do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia

Durante a xornada, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria tamén asistiu ao pleno do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), no que trataron algunhas cuestións de interese para esta entidade. Entre elas, o acordo para a flexibilización da certificación ecolóxica para aqueles produtores que se visen afectados polos lumes este verán, previa solicitude dos afectados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2025