A Xunta licita por 28 M€ as obras para ampliar a estación depuradora de Vilagarcía de Arousa
A nova infraestrutura dará servizo a unha poboación de preto de 100.000 habitantes, o que suporá duplicar o número de persoas para as que foi deseñada
Esta actuación, para a que Augas de Galicia aportará o 80% do financiamento e o Concello asumirá o 20% restante, será cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027
As obras, que se executarán no emprazamento da actual depuradora e cuxa execución deberá ser compatible co funcionamento das instalacións actuais, suporán a construción de novas liñas de auga, de lodos e de biogás
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025
A Xunta vén de licitar por preto de 28 millóns de euros a elaboración do proxecto e execución da obra de ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Vilagarcía de Arousa. As empresas interesadas en optar a este contrato teñen de prazo ata o día 9 de decembro para presentar as súas ofertas.
Para levar a cabo esta actuación, cuxo obxectivo é solucionar as carencias da instalación actual e garantir o cumprimento dos límites de vertedura, Augas de Galicia aportará o 80% do financiamento mentres que o 20% restante achegarao ao Concello. Cómpre indicar que esta obra será cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027.
Ademais, coa ampliación prevista, a futura EDAR dará servizo a unha poboación potencial de preto de 100.000 habitantes —sumando tanto á poboación fixa como á estacional e tamén as achegas do sector industrial– fronte aos 46.000 habitantes equivalentes para os que foi deseñada no momento da súa construción. Polo tanto, duplicarase o número de persoas que poden ser atendidas.
Esta actuación permitirá solucionar os principais problemas detectados nun estudio detallado sobre a EDAR actual, que son a insuficiente capacidade hidráulica e de tratamento de cargas e de lodos.
Así, as obras, que se executarán no emprazamento da actual depuradora e cuxa execución deberá ser compatible co funcionamento das instalacións actuais, suporán a construción de novas liñas de auga, de lodos e de biogás.
A liña de auga prevista integrará os seguintes procesos: pretratamento -a aloxar nun ou varios edificios con desodorización-, novo tratamento biolóxico, decantación secundaria, tratamento terciario de desinfección e sistema de eliminación química de fósforo. A maiores, construirase tamén un novo bombeo ao emisario submarino existente e avaliarase a necesidade de modificar as bocas existentes e/ou aumentar o número de difusores para que se axusten ao caudal de deseño máximo da EDAR.
En canto á liña de lodos, situarase dentro do actual edificio, instalarase o sistema de desodorización e deseñaranse dúas liñas, tendo en conta que cada unha delas deberá ter capacidade para tratar o caudal diario. Pola súa parte, a liña de biogás estará integrada por gasómetro, tratamento de afino de biogás previo ao motor de coxeración, motor con recuperación de enerxía e facho.
A maiores, remodelaranse os actuais edificios de control e de lodos, e demolerase a actual instalación de pretratamento, reconvertendo o espazo que ocupaba en zona portuaria. Ademais, revisarase e repararase, de ser necesario, o emisario existente ao medio mariño.
Unha vez completadas as obras, as instalacións disporán de capacidade hidráulica para xestionar as augas que se xeran en tempo seco e optimizar o funcionamento en tempo de chuvia grazas a un aumento do seu caudal medio, que pasará dos 250 l/s actuais aos 500 l/s, é dicir, duplicarase a súa capacidade.
Colaboración cos concellos
Esta actuación enmárcase na colaboración tanto técnica como económica que mantén desde hai anos Augas de Galicia cos concellos —que son os competentes en materia de abastecemento, saneamento e depuración— para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.
De feito, ese compromiso cos Gobernos locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun esforzo adicional para mellorar a xestión do ciclo integral da auga e un orzamento global de Augas de Galicia de 144 millóns de euros. Este investimento permitirá seguir optimizando o saneamento e o abastecemento municipais mediante a mellora das infraestruturas, da formación e da divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático no eido dos recursos hidráulicos.
O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e traída así como no apoio aos concellos a través de media ducia de liñas de axudas (que suman un orzamento de case 7,5 millóns), o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes e de zonas de inundación controlada ante os asolagamentos.