O delegado territorial supervisou esta mañá o remate das obras acompañado do alcalde
A Xunta inviste 30.000€ nas obras de embelecemento dos accesos ao enclave turístico da Capela da Nosa Señora do Viso, en Lobeira
O delegado territorial destacou que entre os obxectivos básicos deste tipo de axudas están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade
Manuel Pardo salientou que o desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, polo que se prevé o apoio a actuacións de diferente natureza, que a Axencia de Turismo de Galicia está materializar a través da concesión de subvencións ás entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas
Ourense, 26 de setembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Antonio Iglesias, o remate das obras de embelecemento dos accesos ao enclave turístico da Capela da Nosa Señora do Viso, en Lobeira, ás que a Axencia Turismo de Galicia destinou 30.000 euros ao abeiro das achegas da orde de Infraestruturas Turísticas na edición de 2024.
O delegado territorial destacou que entre os obxectivos básicos deste tipo de axudas están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.
“Esta orde procura a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional”, subliñou Manuel Pardo. “Ademais, apoia a mellora da accesibilidade a estes recursos coa eliminación de barreiras arquitectónicas e da súa sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna”, sentenciou o delegado territorial.
Manuel Pardo salientou por último que o desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, polo que se prevé o apoio a actuacións de diferente natureza, que a Axencia de Turismo de Galicia está materializar a través da concesión de subvencións ás entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.
O santuario da Nosa Señora do Viso
O municipio de Lobeira celebra de maneira regular no mes de maio a popular Romaría en honra a Nosa Señora do Viso. A romaría constitúe unha das celebracións máis importantes da Baixa Limia e o seu santuario é lugar de peregrinaxe de todos os habitantes próximos ao monte de O Viso, os cales participan durante estas xornadas nos tradicionais oficios relixiosos.
A ermida, que se cre que se construíu sobre os restos dun antigo castro, é un testemuño fascinante da cristianización de cultos ancestrais. O santuario é un dos poucos exemplos de románico tardío na rexión. Aínda que sufriu modificacións ao longo dos séculos, aínda conserva algúns restos románicos, así como un impresionante retablo do século XVIII. A imaxe da Virxe, datada a finais do século XIX, é das coñecidas como "de vestir", con só o rostro e as mans talladas.
A estrutura do templo presenta unha planta rectangular cunha ábsida que alberga unha capela e unha sancristía adxacente. No interior, destaca un arco de medio punto sostido por columnas decoradas con motivos vexetais, así como unha xanela cunha fornela no exterior. A sancristía, construída en 1.717 segundo unha inscrición, ten dúas plantas e unha xanela que serve de tribuna ao clero.
A abundante afluencia de visitantes e a potencialidade da contorna, propiciaron que diferentes organismos autonómicos, puxésese mans ao asunto e desenvolvesen actuacións varias encamiñadas a dotar dun mellor acceso á zona así como a construción de miradoiros ás vistas panorámicas ás que se orienta