O conselleiro de Sanidade, xunto xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, inaugurou esta mañá na Coruña o XIV Curso de cancro de vexiga e próstata que organizan o Grupo Español de Oncoloxía Xenitourinaria e a Sociedade Española de Oncoloxía Médica
Gómez Caamaño destaca a importancia do programa piloto de cribado de cancro de próstata impulsado pola Xunta para aumentar a detección precoz e reducir biopsias
Ata o de agora máis de 5.000 homes da área sanitaria de Ferrol participaron nun programa piloto de cribado no que o 67,5 % dos cancros detectados estaban en estadios iniciais
O responsable de Sanidade salienta o funcionamento das vías rápidas do Servizo Galego de Saúde, coas que se garante a prestación asistencial en menos de 30 días
No ano 2024, a vía rápida establecida para o cancro de próstata atendeu 3.891 pacientes e, no caso do cancro de vexiga, atendéronse un total de 2.316 casos
Remarca que o Centro de Produción de Terapias Avanzadas (Car-T) e o Centro de Protonterapia de Galicia situarán á comunidade á vangarda nos tratamentos oncolóxicos
A Coruña, 26 de setembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta mañá na Coruña o XIV Curso de cancro de vexiga e próstata, un acto no que destacou a importancia do programa piloto de cribado de cancro de próstata que a Xunta de Galicia está a desenvolver na área sanitaria de Ferrol.
Durante o encontro, organizado polo Grupo Español de Oncoloxía Xenitourinaria e a Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), e no que tamén participou o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, o titular de Sanidade da Xunta puxo en valor a Estratexia de Xestión do Cancro coa que conta a comunidade galega. Trátase dunha folla de ruta que ten por obxecto reducir a incidencia desta enfermidade en Galicia e na que cobran un papel protagonista os cribados poboacionais de cancro.
Nesta liña, Gómez Caamaño presentou algúns dos datos que se desprenden do programa piloto de cribado de cancro de próstata que está a desenvolver a Consellería de Sanidade na área de Ferrol. En concreto, apuntou que tras contar coa participación de preto de 5.000 homes, esta iniciativa está a revelarse como un método que reforza o valor predictivo das resonancias magnéticas, ao tempo que reduce o número de biopsias innecesarias relacionadas co cancro de próstata.
En canto aos diagnósticos, destacou que da totalidade de cancros de próstata detectados, o 67,5 % se atopaban en estadios iniciais.
Entre as medidas para a loita contra o cancro, o responsable de Sanidade tamén incidiu na relevancia das vías rápidas do Servizo Galego de Saúde, uns accesos prioritarios que garanten que non transcorran máis de 30 días entre o diagnóstico de sospeita de cancro e a primeira actividade terapéutica cos pacientes.
“No ano 2024 atendemos 3.891 pacientes a través da vía rápida establecida para o cancro de próstata (150 máis que en 2023); e un total de 2.316 no caso do cancro de vexiga (121 máis)”.
Gómez Caamaño avogou por impulsar a investigación oncolóxica así como os ámbitos da medicina de precisión e personalizada.
O conselleiro pechou a súa intervención remarcando o importante salto de calidade que supón que Galicia conte cun Centro de Produción de Terapias Avanzadas e co futuro Centro de Protonterapia para abordar os desafíos futuros que presentará este campo da Medicina.