O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, interveu no acto de inauguración da XII Reunión: Estado da arte en insuficiencia cardíaca
Gómez Caamaño destaca o liderado de Galicia en insuficiencia cardíaca, que se reforzará coa nova área de rehabilitación específica do Chuac
A nova área do hospital público da Coruña permitirá ampliar o acceso a programas de recuperación, tanto para pacientes que sufriron un infarto como para aqueles que conviven cunha insuficiencia crónica
O titular da carteira sanitaria remarca que o Hospital Público Universitario da Coruña é un centro de referencia pola calidade do seu traballo en diversos ámbitos, con resultados clínicos que o sitúan entre os máis destacados de España e con 30 transplantes de corazón en 2024
Subliña o liderado na atención ás cardiopatías conxénitas ou na posta en marcha do código shock cardioxénico, primeiro protocolo de atención unificado de España
A Coruña, 26 de setembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o liderado de Galicia en insuficiencia cardíaca, que se reforzará coa nova área de rehabilitación específica do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que permitirá ampliar o acceso a programas de recuperación, tanto para pacientes que sufriron un infarto como para aqueles que conviven cunha insuficiencia crónica.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, interveu no acto de inauguración da XII Reunión: Estado da arte en insuficiencia cardíaca. Práctica clínica e modelos organizativos, organizada pola Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Neste foro, o titular da carteira sanitaria remarcou o liderado de Galicia en atención cardiovascular e, ao respecto, citou a posta en marcha do primeiro protocolo unificado en España para shock cardioxénico, co que se creou unha rede que unifica criterios de detección precoz.
Xunto ao anterior, Galicia uniuse a Portugal no proxecto New Heart, para desenvolver modelos de atención cardiovascular, e conta co proxecto Ariadna que sitúa á nosa comunidade ao fronte da cardioprotección cidadá.
Centro de referencia
O conselleiro incidiu en que todos estes logros amosan que a insuficiencia cardíaca é hoxe máis previsible e tratable que nunca, e Galicia está a responder con diagnóstico precoz, protocolos innovadores, terapias avanzadas e unha investigación de primeiro nivel.
Gómez Caamaño remarcou que o Hospital Público Universitario da Coruña é un centro de referencia pola calidade do seu traballo en diversos ámbitos, con resultados clínicos que o sitúan entre os máis destacados de España.
Ao respecto, referiu que no pasado ano foi o segundo hospital que máis transplantes cardíacos realizou, sumando un total de 30. Tamén conta con unidades que o sitúan na vangarda, como é a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante ou a Unidade de Cardiopatías familiares.
Todas estas unidades demostran, incidiu o conselleiro, o liderado de Galicia en innovación terapéutica e na mellora continúa dos resultados en saúde.