A delegada da Xunta en Ferrol fai un chamamento á participación na campaña de vacinación fronte á gripe que hoxe arrincou nas residencias de maiores
Martina Aneiros, acompañada da directora de Enfermería da Área Sanitaria de Ferrol, visitaron esta mañá a residencia DomusVi de Narón para comprobar o desenvolvemento da xornada
Entre as novidades desta campaña que se levará a cabo a través dos centros de saúde, destacou o subministro da vacina antigripal de alta carga tamén no grupo de idade de 70 a 79 anos, a ampliación da vacinación infantil ata os 11 anos e a posta en marcha dun programa piloto de vacinación escolar
Narón (A Coruña), 29 de setembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a directora de Enfermería da Área Sanitaria de Ferrol, Isabel Turnes, visitaron esta mañá a residencia de maiores DomusVi Narón, onde deu comezo a campaña de vacinación fronte á gripe e á covid da temporada 2025-2026, coa vacinación das persoas usuarias e traballadores de residencias de maiores e centros de persoas con discapacidade.
Segundo explicou a delegada territorial, o seguinte paso activarase o próximo 13 de outubro coa vacinación das persoas inmobilizadas de calquera idade e dos seus coidadores, e a vacinación infantil nos centros de saúde -amplíase este ano a idade de subministro ata os 11 anos-. Este mesmo día arrincará tamén o programa piloto de vacinación escolar que, no caso da Área Sanitaria de Ferrol, se levará a cabo no CEIP San Xoán de Filgueira e no CPR Sagrado Corazón. Nestes centros vacinarase de forma voluntaria ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e a todos os cursos de Primaria aos que se lles subministrará unha vacina intranasal.
Esta é unha das novidades incluídas nesta campaña de vacinación que por primeira vez trala pandemia non prevé habilitar grandes recintos e na que ademais a Xunta decidiu administrar a vacina antigripal de alta carga tamén ao grupo de idade de 70 a 79 anos como xa se viña facendo ata o de agora cos maiores de 80 anos. Estes serán citados para vacinarse nos seus centros de saúde, a partir do 20 de outubro, xunto ás persoas en situación de inmunosupresión, persoal sanitario -do Sergas e de centros privados- e persoal dos servizos de emerxencias sanitarias.
O resto de grupos de risco como mulleres embarazadas ou persoal dos servizos esenciais poderán pedir cita a través da App Sergas Móbil.
Aneiros lembrou que o obxectivo da Consellería de Sanidade é acadar unha taxa de vacinación infantil arredor do 60% e do 75% en canto a maiores de 60 anos e persoal sanitario, se refire.
Por último aproveitou a ocasión para facer un chamamento á cidadanía a sumarse a esta campaña de vacinación conxunta fronte á gripe e á covid-19 que se estendera até o vindeiro 31 de decembro.