A Xunta autoriza con condicións á ampliación dunha explotación leiteira no concello de Trazo

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que as actuacións teñan efectos significativos adversos sobre a contorna sempre que se cumpra co fixado no propio informe ambiental e na documentación avaliada

O proxecto recolle unha extensión dunha corte existente e a construción de novos elementos para incrementar a capacidade ata 704 prazas para vacún de leite

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental á ampliación dunha explotación de gando vacún dedicada á produción de leite no concello coruñés de Trazo; autorización supeditada, en todo caso, ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos durante a tramitación ambiental. A actuación proxectada afectará a unha corte xa existente e implicará novas construcións con obxectivo de superar a capacidade actual para acoller unidades de gando.

Segundo se recolle no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e feito público hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como na restante documentación analizada e no programa de vixilancia ambiental.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos e entidades interesados.

Froito desas consultas, foron establecidos os condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación á calidade do aire; á protección do medio fluvial; á xestión de residuos; á integración paisaxística; aos efectos sobre o medio natural, a fauna e a flora, entre outros.

A maiores, o documento inclúe condicións para a protección ante accidentes graves ou catástrofes e tamén a esixencia de que, antes da finalización da vida útil das instalacións, deberá remitirse un informe ao órgano substantivo —a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias— que conteña todas as actuacións previstas para, se é o caso, proceder ao desmantelamento e abandono das instalacións.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver a ampliación, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e agora dáselle publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería.

Descrición da actuación

A explotación de vacún de leite obxecto do presente IIA atópase no lugar de Outeiro, na parroquia de Berredo, pertencente a Trazo (A Coruña), nunha contorna de carácter eminentemente agrícola e gandeiro, cun predominio do minifundio. As instalacións gandeiras, que ocupan unha parcela, contarán unha corte máis grande e novas construcións.

As obras proxectadas, promovidas pola Gandeiría Liste Rey SC, implicará un incremento na capacidade da granxa, de xeito que pasará das 276 prazas actuais a un total de 704 prazas. Ademais, contribuirán a mellorar a superficie de almacenamento e unha xestión de residuos axeitada para o volume de animais previsto.

Cómpre subliñar que se trata dunha explotación gandeira orientada á produción de leite e na que a reposición das vacas produtoras realízase coa recría da propia explotación. A alimentación animal adáptase a cada grupo de animais, co subministro de penso mesturado con forraxes.

Agora, será a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, como órgano substantivo encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia, a que pase a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental. Tamén se encargará de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas tanto nos informes sectoriais como no propio IIA e no plan de vixilancia ambiental de aplicación.

Data de actualización: 30/09/2025