A Xunta e Xerais editan as obras gañadoras dos últimos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro e Manuel María

 `Incidencia muller pedra’, de AveLina Pérez, e ‘O carteiro de Ximaraos’, de Carlos Labraña, incorpóranse á colección Biblioteca Dramática Galega

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2025

 As obras Incidencia muller pedra, de AveLina Pérez, e O carteiro de Ximaraos, de Carlos Labraña, atópanse xa nas librarías como parte da colección Biblioteca Dramática Galega, na que a Xunta de Galicia e Edicións Xerais publican os textos recoñecidos cos premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e Manuel María de literatura dramática infantil, convocados bienalmente pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Co primeiro deles, a dramaturga AveLina Pérez obtivo o XXVII Álvaro Cunqueiro, recoñecemento que xa lograra en 2018 por Ás oito da tarde, cando morren as nais, obra que foi levada a escena en 2022 polo Centro Dramático Galego baixo a dirección de Marta Pazos e traducida tamén ao portugués e ao francés.

En Incidencia muller pedra, que fai o número 28 da Biblioteca Dramática Galega, a autora aborda os problemas de aceptación de sensibilidades diferentes nun mundo cada vez máis tendente ao normativo, no que a protagonista loita por manterse fóra dos canons e da rixidez das lóxicas sociais. Trátase, como destacaba a acta do xurado, dunha historia “singular e lúcida”, que foxe do convencional para se presentar como unha peza “emocionante, delicada e profundamente intelixente”.

Ilustracións de Luz Beloso

Tamén Carlos Labraña recibira anteriormente o Manuel María de literatura dramática infantil, que levou en 2016 por O valo, sobre o drama dos refuxiados. Desta volta, foi galardoado coa 13ª do mesmo premio por O carteiro de Ximaraos, obra que se edita acompañada das ilustracións de Luz Beloso no número 29 da devandita colección.     

O xurado valorou como o autor trata “dun xeito sensible, coidado e con profundidade” a situación das crianzas que conviven cun familiar doente e o conflito interxeracional que os separa. A importancia da memoria, a tradición e a transmisión do legado familiar están tamén moi presentes nesta historia.

Esta peza teatral tamén veu a luz recentemente sobre as táboas coa estrea o pasado mes de maio no Salón Teatro de Santiago do espectáculo coproducido polo Centro Dramático Galego e Os Monicreques de Kukas.

Esta liña de coedición con Xerais enmárcase na colaboración que o Goberno galego mantén con diferentes editoriais para a publicación dos seus premios de literatura dramática, que convoca bienalmente co fin de incentivar a escrita teatral na nosa Comunidade e de  impulsar a súa proxección social.

Así, ademais de Incidencia muller pedra e de O carteiro de Ximaraos, xa o pasado mes de agosto viron a luz na colección Barriga Verde de Baía Edicións os últimos títulos recoñecidos cos premios homónimos para textos de teatro de monicreques: Manchea, co que Andrea Freire gañou na categoría de obras para a rapazada, e O Faro, tamén de Carlos Labraña, galardoado na modalidade para adultos. Os catro títulos poder adquirirse tanto na Libraría Institucional da Xunta de Galicia como nos principais puntos físicos de venda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2025