A Xunta convoca en outubro e en novembro os actos expropiatorios necesarios para executar novas sendas na estrada AC-433, en Laxe

O levantamento de actas previas terán lugar o vindeiro 24 de outubro e a formalización das actas de ocupación o 28 de novembro no salón de plenos do Concello de Laxe

As obras, que suporán un investimento de máis de 900.000 euros, céntranse na construción de dous tramos de sendas: un primeiro entre Castrelo e a senda executada en Serantes; e un segundo, que une este núcleo con Laxe

Estes itinerarios, que se desenvolverán pola marxe dereita da AC-433, no seu percorrido polo municipio coruñés, suman unha lonxitude total de 1.903 metros

A intervención forma parte da segunda fase do Plan de Sendas e daralle continuidade aos itinerarios executados na AC-433 en Soesto e Serantes, conformando un itinerario continuo e seguro para os peóns

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para este mes de outubro e o vindeiro mes de novembro dos actos expropiatorios necesarios para executar novas sendas peonís na estrada AC-433, no concello de Laxe.

As obras, que suporán un investimento de máis de 900.000€, permitirán a construción de dous novos tramos de sendas peonís nesta vía autonómica: un primeiro que parte do núcleo de Castrelo uníndose coa senda xa executada en Serantes; e un segundo, que enlaza este núcleo co de Laxe.

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o próximo día 24 de outubro, estando convocado das 10,30 ás 11.00 horas no salón de plenos do Concello de Laxe. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 28 de novembro, tamén nos concello de Laxe, das 10.30 ás 10.45 horas.

A intervención

Estes itinerarios, que se desenvolverán pola marxe dereita da AC-433, no seu percorrido polo municipio coruñés, suman unha lonxitude total de 1.903 metros.

Prevese un primeiro tramo de senda situado preto de Castrelo, no punto quilométrico 10+494, que finalizará no inicio da senda existente en Cabanas, no punto 11+076.

O segundo tramo permitirá a conexión entre Cabanas e Finllido, discorrendo entre os puntos 11+731 e 12+428. Neste treito prevense dúas zonas de aparcamentos.

Con estas actuacións, que terán un prazo de execución de 12 meses, o departamento que dirixe María M. Allegue dálle continuidade aos itinerarios executados entre os anos 2022 e 2023 na AC-433 en Soesto e Serantes, no municipio de Laxe, conformando así un itinerario continuo e seguro para os peóns.

Este proxecto incluíuse na segunda fase do Plan de Sendas en estradas autonómicas, e prevese que sexa cofinanciado con fondos europeos FEDER 21/27.

Data de actualización: 01/10/2025