A Xunta adxudica por importe de 5,7 M€ o contrato de mantemento integral de equipamentos de alta tecnoloxía instalados nos hospitais dependentes do Servizo Galego de Saúde
O período de vixencia do contrato é de catro anos
O contrato inclúe o mantemento de dous equipamentos de radiocirurxía, seis de neuronavegación, un brazo robotizado e tres quirófanos dixitais
O mantemento e a actualización continua do equipamento tecnolóxico e dos seus compoñentes asociados é esencial para garantir a seguridade dos pacientes e dos profesionais que o utilizan
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025
A Xunta vén de publicar, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, por importe de 5.714.874 euros e para un período de catro anos, a adxudicación da contratación do servizo de mantemento integral e evolutivo dos equipamentos de alta tecnoloxía da marca Brainlab instalados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde.
O contrato prevé a posible prórroga por 12 meses máis, cun valor estimado, neste caso, de 6,8 millóns de euros.
A adxudicación comprende o mantemento de dous equipamentos de radiocirurxía e rede de planificación de radiocirurxía, seis equipamentos de neuronavegación, rede de planificación de neurocirurxía, un brazo robotizado, tres quirófanos dixitais e dous sistemas de imaxe intra, instalados nas áreas sanitarias da Coruña e Cee; de Santiago de Compostela e Barbanza; de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e da área sanitaria de Vigo.
Comprende, tamén, o conxunto de actividades, procesos, metodoloxía e recursos que se aplican co obxecto de conservar o equipamento tecnolóxico e os compoñentes propios para o seu funcionamento en condicións óptimas o maior tempo posible.
Cómpre remarcar que a tecnoloxía médica é considerada unha das variables clave que inflúen de forma decisiva na calidade do proceso asistencial. Trátase dun dos elementos fundamentais na cadea de diagnóstico e da terapia que posibilita unha correcta asistencia sanitaria.
O mantemento e a actualización continua do equipamento tecnolóxico e dos seus compoñentes asociados é esencial para garantir a seguridade dos pacientes e dos profesionais que o utilizan.