A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, deu a coñecer hoxe a actuación

A Xunta inviste 4,2 M€ na actuación de ensanche e mellora da PO-230 ao paso polos concellos de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro

A Administración autonómica somete ata o 3 de novembro a información pública o proxecto para o acondicionamento deste treito de 5,3 quilómetros, que transcorre polos núcleos de Praderrei e Parada, en Campo Lameiro, e Fentáns, en Cerdedo-Cotobade

A intervención permitirá mellorar a seguridade viaria ao ampliar o ancho da calzada a sete metros e rectificar o radio de 19 curvas

A conselleira pon en valor esta actuación no marco do compromiso da Xunta para investir en infraestruturas no rural que axuden a vertebrar o territorio, asentar poboación e impulsar a actividade económica dos concellos

Campo Lameiro (Pontevedra), 30 de setembro de 2025

A Xunta inviste un orzamento de 4,2M€ na actuación que permitirá o ensanche e mellora da estrada autonómica PO-230 ao paso polos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, deu a coñecer hoxe en Campo Lameiro este proxecto, que a Xunta somete a información pública ata o 3 de novembro.

A actuación abranguerá a ampliación e mellora da estrada autonómica PO-230, no tramo de 5,3 quilómetros de lonxitude que percorre os núcleos de poboación de Praderrei (Campo Lameiro), Fentáns (Cerdedo-Cotobade) e Parada (Campo Lameiro).

A conselleira puxo en valor esta intervención para a mellora da funcionalidade e seguridade viaria desta estrada e o investimento consignado, no marco do compromiso da Xunta para actuar nas infraestruturas autonómicas que discorren por concellos rurais e do interior, “con melloras que axudan á súa vertebración, porque iso axuda asentar poboación, mellorar a calidade de vida da veciñanza e a impulsar economicamente estes concellos”.

Destacou que o ambicioso investimento permitirá abordar a través desta actuación a ampliación do ancho da calzada a 7 metros, con dous carrís destinados á circulación de 3 metros de ancho e naqueles puntos onde existan elementos patrimoniais manterase a sección existente e adaptaranse os elementos funcionais.

Ademais, rectificarase o radio de 19 curvas e o proxecto tamén prevé a realización de diversos cambios de sentido  e a mellora dos accesos existentes desde o viario municipal.

Allegue destacou a colaboración cos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade e sinalou que a Xunta traballa no proxecto construtivo para licitar a obra coa maior axilidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2025