María José Gómez sinala Galicia como unha potencia na planta ornamental e a flor cortada, cun valor anual de 82 M€ e 1.500 postos de traballo directos
A conselleira do Medio Rural visitou a empresa Flores Casabella, en Oroso, que produce e vende flores e plantas ornamentais, tanto en invernadoiro como ao aire libre e que conta con 17 anos de experiencia no sector
Gómez asegurou que o Goberno autonómico está comprometido con este eido, cunha aposta materializada nunha estratexia sectorial específica que ten como obxectivo avanzar na produción sustentable e respectuosa co medio ambiente
Este compromiso compleméntase a través da oferta formativa da Consellería, con ciclos de grao medio e superior relacionados directamente con esta actividade
Oroso (A Coruña), 1 de outubro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe a empresa Flores Casabella, no concello coruñés de Oroso, onde sinalou que Galicia é unha potencia no sector da planta ornamental e a flor cortada, cun valor económico anual de 82 millóns e uns 1.500 postos de traballo directos, maioritariamente mulleres do rural. Así mesmo, Gómez destacou que a nosa comunidade ocupa o terceiro lugar de España en produción de flor e o quinto na planta ornamental.
Durante o seu percorrido polas instalacións de Flores Casabella, que produce e vende frores e plantas ornamentais, tanto en invernadoiro como ao aire libre, a conselleira puxo en valor a traxectoria desta entidade no sector, con 17 anos de experiencia e unha facturación de 700.000 euros anuais. Amosou tamén o compromiso do Goberno autonómico con este sector produtivo materializado, entre outras cuestións, nunha estratéxica específica. Esta planificación sectorial ten como obxectivo avanzar na produción sustentable e respectuosa co medio ambiente, e que xere riquezas e oportunidades no medio rural.
Ademais, a Estratexia da Planta Ornamental e da Flor Cortada de Galicia procura mellorar o valor engadido en toda a cadea e afondar na imaxe e recoñecemento social dos produtores, así como aumentar a produción e o seu consumo.
Gómez referiuse tamén ao eido formativo como un eixo estratéxico a través do cal impulsar este sector en auxe. Lembrou que nos Centros de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) dependentes da Consellería do Medio Rural ofrécense ciclos formativos relacionados de xeito directo con esta actividade.
Mencionou así os ciclos de grao medio de Xardinaría e Floraría e o superior en Paisaxismo e Medio Rural. Ademais, como novidade este curso, a Consellería incorporou un novo curso de especialización en Floraría e Arte Floral para aquelas persoas que queiran aumentar os seus coñecementos neste ámbito. Todos eles ofértanse no CFEA de Guísamo (Bergondo).
A titular de Medio Rural asegurou que hai “un gran futuro prometedor” para a flor cortada e a planta ornamental en Galicia, que seguirá contando co apoio do Goberno autonómico para impulsalo.