A delegada da Xunta visitou a asociación de veciños de Cabrui-Cruceiro, en Mesía, que aproveitará este apoio para levar a cabo a instalación dunha cociña
Belén do Campo destaca que a Xunta apoia con nove axudas a entidades veciñais da comarca de Ordes a través do plan específico de acción comunitaria da Xunta con máis de 77.000 euros
As achegas van dirixidas a asociacións veciñais e de mulleres rurais, así como a comunidades de usuarios de augas e poden acadar a totalidade do investimento realizado
A través desta medida fináncianse os investimentos en inmobles e na adquisición do material necesario para o seu funcionamento
Mesía (A Coruña), 1 de outubro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou en Mesía esta mañá, a asociación de veciños Cabrui-Cruceiro, que conta con 150 socios e foi beneficiaria das axudas do Plan específico de acción comunitaria de 2025, do que recibiu 4.352,75 €, o 100% do solicitado, por anticipo de gasto.
A actuación en Mesía centrouse na instalación dunha cociña, nun espacio do centro social, que na actualidade non tiña ninguna actividade. O obxetivo que se pretende con esta actuación, e que tanto a asociación como a comisión de festas poidan dispoñer dun material indispensable para os seus actos lúdicos e gastronómicos, posto que ao longo do ano celébranse xuntanzas con comidas de confraternidade e convivencia de socios e veciños. Ademáis, con esta actuación poderanse impartir cursos de cociña, unha demanda dos usuarios.
A delegada informou que na comarca de Ordes reciben estas achegas, ademais da asociación de veciños Cabrui-Cruceiro de Mesía, a asociación cultural de mulleres rurais de Xesteda de Cerceda. En Oroso, a asociación de veciños Sanamede, a asociación de mulleres rurais loitadoras de Oroso e a asociación de veciños de Santa María de Deixebre. En Trazo a asociación de veciñas de San Martin de Monzo e en Tordoia a asociación de veciños de Castenda. Estas axudas suman en total na comarca máis de 77.000 euros, das cales máis de 64.000 euros son para obras e case 13.000 para equipamentos.
Na provincia da Coruña foron 72 os proxectos aprobados e en Galicia medran as iniciativas impulsadas, con 454 actuacións en 2025 fronte ás 341 de 2024.
A representante do Goberno autonómico apuntou que con estas aportacións se cumpre o obxectivo do Goberno galego de darlle maior resposta á elevada demanda desta liña de axudas, para o que incrementou a dotación en Galicia ata os catro millóns de euros, un millón máis con respecto aos anteriores exercicios.
Belén do Campo explicou que estas axudas teñen como obxectivo respaldar ás entidades que poñen en marcha proxectos orientados a reforzar a participación veciñal, favorecer a cohesión social e manter viva a identidade cultural de cada contorna. “En resumo, trátase de apoiar ás organizacións máis próximas á xente, que coñecen de primeira man as súas necesidades e que cumpren unha función esencial como ponte entre a Administración e a cidadanía”, subliñou.
Apoio a obras e equipamento
Entre os proxectos subvencionables inclúense dúas liñas, unha delas dotada con 3,4 millóns de euros, para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.
A outra liña de axudas financia, cunha achega de 600.000 euros, a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual, ademais doutro material básico para actividades específicas.
As axudas económicas poden acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos. Ademais, hai a posibilidade da concesión de anticipos de ata o 100% que se farán efectivos unha vez realizada a notificación da subvención, por solicitude da entidade beneficiaria.