A Xunta apoia con máis de 240.000 euros a modernización das infraestruturas de tres parques empresariais de Ferrolterra
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá as obras financiadas no polígono das Somozas, un dos concellos da área beneficiados xunto aos de Cabanas e As Pontes
Lembrou que con esta convocatoria o Goberno galego pretende contribuír á modernización das instalacións dos polígonos industriais e a facilitar que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que precisan para levar a cabo a súa actividade
As Somozas (A Coruña), 2 de outubro de 2025
A Xunta concedeu este ano axudas por valor de 240.186 euros aos Concellos das Pontes, As Somozas e Cabanas para a habilitación e mellora de infraestruturas nos seus parques empresariais. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, informou das mesmas no marco dunha visita efectuada esta mañá ao polígono industrial do municipio para comprobar o resultado da mellora do acceso ao mesmo.
Nesta convocatoria, As Somozas percibiu unha achega de 120.000 euros para mellorar o acceso ao seu polígono desde a estrada provincial DP-7010; mentres que o Concello de Cabanas acondicionará as vías interiores do parque Vilar do Colo grazas a un investimento autonómico de 37.457 euros e o de As Pontes construirá un aparcadoiro no polígono de Penapurreira cunha axuda de 82.729 euros.
Aneiros puxo en valor estas axudas dotadas cun orzamento de 3 M€ para toda Galicia en tanto “contribúen á modernización das instalación dos polígonos industriais e facilitan que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que precisan para levar a cargo a súa actividade”, destacou.
Lembrou ademais que esta liña de apoios é de concorrencia competitiva e vai dirixido aos concellos galegos que presenten proxectos de mellora vinculados á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministro de gas e hidróxeno verde.
As axudas teñen unha intensidade do 80% ata un límite de 120.000 euros, no caso de solicitudes individuais, e que se amplía ata os 138.000 euros, no caso de solicitudes conxuntas.