A Xunta destaca que máis de 11.300 persoas visitaron o Illote Areoso entre maio e setembro, o que significa máis do 56% da ocupación das prazas ofertadas
A modalidade de acceso máis empregada foi a de atraque sen motor que representou o 65,57% dos tres tipos de acceso
A de 2025 é a segunda tempada alta completa coa regulación fixada en 2023 para reducir a presión sobre a contorna do illote e velar pola súa conservación
Este ano os axentes ambientais realizaron 70 denuncias por incumprimentos da normativa vixente, a maioría por carecer da preceptiva autorización
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia rexistrou un total de 11.372 reservas de persoas que participaron nas visitas reguladas ao Illote Areoso, na Illa de Arousa (Pontevedra); o que supuxo unha ocupación do 56,58 por cento das 20.100 prazas dispoñibles na considerada tempada alta, que comprende do 15 de maio ao 30 de setembro.
O sistema funcionou con normalidade e sen grandes incidencias cunha afluencia media rexistrada de máis de 82 visitantes diarios. Non obstante, na época de maior interese -entre mediados de xullo e finais de agosto- cubríronse todas as prazas na maioría de xornadas.
O tipo de acceso máis utilizado foi o de atracada sen motor, que roldou o 65,57% do total, seguido do de atracada con motor (25,61%) e do de fondeo, que apenas chegou ao 8,82% do total de prazas dispoñibles. En canto á afluencia das distintas quendas, malia que os resultados son semellantes, hai unha maior demanda da segunda -a que vai das 13,00 horas ás 17,00 horas- pois concentrou o 37,5% do total, seguido de algo máis do 32,7% da terceira -das 17,00 horas ao solpor- e do 29,8% da primeira, que vai do amencer ás 13,00 horas.
Tendo en conta que o máximo de visitantes diarios é de 150 persoas, 50 por quenda, obsérvase que agosto foi o mes no que se produciu un cheo de reservas case todos os días, mentres que no resto de períodos detéctanse picos de afluencia que normalmente coinciden con festivos e fins de semana.
A deste ano foi a segunda tempada alta completa coa regulación fixada o ano pasado para reducir a presión sobre o illote e que se materializou a través da Orde do 27 de xuño de 2023 pola que se establecen as normas relativas ao uso público e a actividades recreativas nos illotes dos Guidoiros e illade Rúa. O fin último é garantir, na medida do posible, a conservación deste valioso espazo limitando o seu uso público para que as súas características naturais non se vexan alteradas.
Esa nova regulación implica tamén certas medidas de control e, mentres que en 2023 o labor dos axentes ambientais na zona foi principalmente de carácter informativo, este ano realizáronse un total de 70 denuncias por incumprimentos da normativa vixente, na a maioría por carecer de autorización.