O presidente da Xunta visita as obras da contorna do río Lameira

Rueda destaca que a mellora do saneamento en Marín beneficia a calidade das augas de toda a ría de Pontevedra

A Xunta inviste 4,1 M€ nestas actuacións que inclúen a instalación dun novo colector fóra do leito do río, un novo tanque de tormentas e a mellora do bombeo, así como a creación dunha senda peonil e novos espazos públicos para a veciñanza

O proxecto insírese nunha estratexia global na que o Goberno galego destina máis de 56 M€ para beneficiar a uns 242.000 veciños do propio concello marinense pero tamén de Pontevedra e Poio

Marín (Pontevedra), 10 de agosto de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o avance dos traballos de mellora do saneamento no concello de Marín, unha actuación que supón un paso decisivo na estratexia do Goberno galego para mellorar a calidade das augas no conxunto da ría de Pontevedra. Así, este plan conxunto suma máis de 56 M€ e beneficia uns 242.000 veciños do propio concello marinense pero tamén de Pontevedra e Poio, contribuíndo á calidade ambiental das cidades galegas. “Se aspiramos a ter unha Galicia Calidade en medio ambiente, estas obras son necesarias, imprescindibles”, sinalou Rueda.

O presidente visitou esta mañá, acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, as obras que se están executando na contorna do río Lameira. Rueda subliñou que o Executivo autonómico inviste 4,1 millóns de euros nestas actuacións.

En concreto, os traballos de saneamento en Marín permitiron retirar o antigo colector do leito do río Lameira e instalar un novo sistema fóra del, evitando filtracións de auga cara a rede, ademais dun tanque de tormentas e melloras de bombeo para reducir o risco de verteduras. Ademais, a intervención inclúe a creación dunha senda peonil de 1,2 quilómetros, a eliminación de elementos degradados e a creación de novos espazos públicos. Todo co obxectivo de mellorar a contorna natural e devolverlle o Lameira á veciñanza como un espazo de desfrute. 

Actuar na orixe

O titular do Executivo galego explicou que “de nada serven investimentos tan importantes como o que estamos facendo nunha depuradora para miles de persoas, se o que chega á depuradora e se manda polo emisario non chega en condicións axeitadas”. Por iso, tras a modernización da EDAR de Praceres e a execución do seu novo emisario submarino —o máis longo de Galicia con 3,7 quilómetros—, a Xunta centra agora os seus esforzos nas redes municipais que levan a auga ata a depuradora.

Así, destacou a importancia de adiantarse aos episodios de choivas intensas mediante infraestruturas preventivas e preparadas ante os efectos do cambio climático. A este respecto lembrou que, aínda que o saneamento é unha competencia de titularidade municipal, o Goberno autonómico reafirma a súa colaboración técnica e económica cos concellos para levar a cabo este tipo de proxectos fundamentais para o interese xeral. Así mesmo, lembrou que cando se mellora a calidade das augas se está a protexer os sectores que viven del: “a xente que vive do mar, as praias que queremos ter en magníficas condicións e o turismo; todo do que despois presumimos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2026