O delegado territorial da Xunta participa na presentación do concerto de Jethro Tull , última cita do festival Ou Yeah!

Manuel Pardo salientou que o apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia a este festival, responde á filosofía do Goberno galego de apoiar ás mellores e máis singulares citas coa música de Galicia

O delegado territorial resaltou que este evento, que se celebrará o próximo 11 de outubro na cidade de Ourense, será unha oportunidade para celebrar os máis de 50 anos de traxectoria da icónica banda británica

Tamén destacou que que os Concertos do Xacobeo potencian os recursos turísticos locais e supoñen un importante impacto positivo, xerando emprego, gasto, lecer e coñecemento en espazos estratéxicos de toda a provincia

Ourense, 06 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá na presentación do concerto de Jethro Tull, última cita do festival Ou Yeah! no marco do Concertos do Xacobeo, que se celebrará o próximo 11 de outubro no Pazo dos Deportes Paco Paz, na cidade de Ourense.

O delegado territorial resaltou que este evento, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, traerá a Ourense a icónica banda británica, liderada por Ian Anderson, cunha mestura única de rock, folk, jazz e música clásica. Enmarcado dentro da súa xira The Curiosity Tour, este encontro será unha oportunidade para celebrar os máis de 50 anos de traxectoria do grupo. Tamén explicou que a xornada será aberta polo guitarrista galego Iago Banet, co seu estilo de guitarra acústica fingerstyle, que mestura folk, blues, gypsy jazz, country e pop.

Manuel Pardo salientou que o apoio da Xunta de Galicia a este festival responde á filosofía do Goberno galego de apoiar ás mellores e máis singulares citas coa música en directo de Galicia, que se erixen como un gran motor económico, turístico e cultural para a nosa comunidade de xeito desestacionalizado  ao longo de todo o ano.

O representante do Goberno galego destacou que os Concertos do Xacobeo potencian os recursos turísticos locais e supoñen un importante impacto positivo, xerando emprego, gasto, lecer e coñecemento en espazos estratéxicos de toda a provincia, consolidando a aposta pola música en vivo, continuando a liña de traballo estratéxico de pasadas edicións do evento, que sumaron desde 2021-2022 máis de 2,5 millóns de espectadores.

Festival Ou Yeah!

Manuel Pardo destacou que o festival Ou Yeah! é unha iniciativa arraigada no territorio, comprometida coa súa xente e deseñada para proxectar Ourense ao mundo. A súa esencia é a transformación: do local ao global, do tradicional ao contemporáneo, do escenario ao prato, do concerto ao encontro.

Nesta primeira edición, reuniu no seu cartel a The Waterboys, Morgan, La Guardia, Sés, Tesouro, Escuchando Elefantes e Habitación Vudú. O rock —nas súas múltiples vertentes: folk-rock, progresivo, indie-pop, pop-rock— marca o pulso do festival, sempre cun espírito aberto á diversidade musical.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2025