O labor da Unidade de Investigación de Incendios Forestais e axentes do Distrito XII é recoñecido pola Policía Nacional

Catro axentes ambientais do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural recibiron un diploma pola súa colaboración na investigación dos reiterados lumes na zona de Canibelos, en Ourense

Os traballos de pescuda e vixilancia permitiron sorprender ao presunto autor, un home de 28 anos, cando provocaba intencionadamente un incendio

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2025

Catro axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e do Distrito Forestal XII Miño-Arnoia, integrados no Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural; foron recoñecidos pola súa colaboración coa Policía Nacional na identificación do presunto autor de varios lumes na zona de Canibelos, no concello de Ourense, o 5 de agosto. Os axentes recibiron un diploma no acto celebrado o pasado venres con motivo dos Santos Anxos Custodios.

Durante a realización dos traballos de investigación e de vixilancia no lugar por parte dos investigadores da UIFO e axentes do distrito, detectouse a un home, de 28 anos e veciño do lugar, mentres provocaba de forma intencionada un incendio forestal na citada zona. Tras ser identificado polos axentes, foi detido pola Policía Nacional e trasladado ás dependencias policiais para tomarlle declaración, para posteriormente pasar a disposición xudicial.

A actuación levouse a cabo no marco dunha investigación conxunta entre a Policía Nacional, a UIFO e o persoal do Distrito Forestal XII, despois de detectar unha actividade incendiaria anómala na zona, con varios lumes reiterados. O operativo especial de vixilancia, que contou co apoio dun helicóptero do Corpo Nacional de Policía e varios drons da UIFO, permitiu localizar e sorprender o presunto autor no momento xusto no que iniciaba un novo incendio.

Cómpre lembrar que a UIFO foi creada no ano 2021 e está despregada por todo o territorio galego, onde continúa coas investigacións e recadando probas para traballar na identificación e posta a disposición xudicial de presuntos incendiarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2025