A Xunta promociona na feira San Sebastián Gastronómika os produtos alimentarios galegos

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á inauguración deste evento de carácter internacional no que Galicia está presente

Un total de oito empresas amparadas por distintivos de calidade, sete adegas de denominacións de orixe vitivinícolas galegas e un produtor de cervexa artesá amosarán os seus produtos entre os asistentes

Pola súa parte, a Consellería do Mar repite un ano máis a súa participación na feira cun dos stands máis grandes da cita, no que se dará mostra dos produtos alimentarios, gastronomía e industria alimentaria marítima

San Sebastián (País Vasco), 6 de outubro de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na inauguración da feira San Sebastián Gastronómika que terá lugar na cidade vasca ata o vindeiro mércores e na que a Xunta promocionará os produtos alimentarios galegos do rural, amparados por selos de calidade diferenciada, e do mar.

Neste evento de carácter internacional, a Consellería do Medio Rural conta cun espazo propio no que están representadas oito empresas de produtos amparados por distintivos de calidade. A maiores, sete adegas das denominacións de orixe vitivinícolas galegas e un produtor de cervexa artesá participan nun túnel do viño no que poderán expoñer e ofrecer degustacións dos seus produtos.

O expositor dispón tamén dunha aula de catas e degustacións, onde se desenvolverá un amplo programa de actividades a cargo da Axencia, co fin de dar a coñecer as producións de calidade da nosa comunidade presentes en Gastronómika. A isto cómpre sumarlle a presenza dos sumilleres Jorge Vila, da Galicia Wine Academy; e Ciro Carro, do restaurante Akelarre; que serán os encargados de levar a cabo unha wine session hoxe. Tamén nesta primeira xornada haberá unha cea para 350 comensais na que se servirán en exclusiva viños galegos.

Por último, dentro do programa de actividades da Consellería do Medio Rural en Gastronómika, o mércores farase unha presentación da plataforma web experienciasdecalidade.gal, onde se poden mercar diferentes produtos amparados por selos de calidade diferenciada.

Presenza do sector do mar

Pola súa parte, a Consellería do Mar repite un ano máis a súa participación na feira cun dos stands máis grandes da cita, no que se dará mostra dos produtos alimentarios, gastronomía e industria alimentaria marítima. Deste modo, a Xunta de Galicia reforza a súa presencia na feira e coordina ademais a presenza doutras entidades do sector, que participan como coexpositoras no stand de Mar: Mareterra Conservas, Horesmar, Fundación Semana Verde de Galicia, Artesa Despensa Atlántica e Caviar del Tibet.

Entre as principais actividades nas que participa o sector marítimo galego destaca o II concurso de sopa de peixe. Despois do éxito acadado en 2024 polo chef do posto da Consellería José Manuel Mallón, que resultou gañador, este ano Mar participará de novo e formará, ademais, parte do xurado. Así mesmo, no programa oficial figura de novo o campionato de ensaladilla rusa no que na pasada edición concedeuse o premio ao galego Alén Tarrío López, potenciando a marca Galicia na feira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2025