A Xunta mellora as oportunidades laborais de 450 mozos a través do Xuventude Mentoring na empresa que clausura a súa terceira edición
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, pecha hoxe esta iniciativa da Xunta na que só este ano participaron máis de 150 persoas
O programa ofrece estadías formativas para a mocidade en organismos vencellados a sectores estratéxicos na comunidade xunto a un plan formativo
Mos (Pontevedra), 8 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia contribuíu este ano a mellorar as oportunidades laborais de máis de 150 persoas mozas. Así o informou hoxe a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, nunha visita ao viveiro de empresas de Pemos, en Mos, como peche da edición deste ano.
Así, tal e como explicou a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude esta iniciativa serve “como ponte entre a xuventude e o mercado laboral e dálle un pulo aos máis novos na súa carreira profesional”. Neste senso, detallou que nesta edición contouse coa colaboración de 127 empresas e que, desde a súa posta en marcha o programa contou con preto de 450 participantes acadando unha taxa de inserción laboral do 60 % na última edición.
Por outro lado, precisou que a través desta iniciativa ofrécense estadías formativas de ata catro meses en organismos públicos ou privados vencellados a sectores estratéxicos na comunidade como son a aeronáutica, a agroalimentación, a biotecnoloxía, a automoción, as enerxías renovables, o naval, a pedra natural, a madeira, o téxtil ou a moda, as tecnoloxías da información e da comunicación ou o que ten que ver coa calidade de vida e benestar.
Neste marco, a asociación de empresarias de Mos foi unha das doce entidades participantes nesta última edición. Así, as entidades e concellos contaron con ata 100.000 euros para poñer en marcha o seu proxecto e as persoas participantes recibiron unha bolsa de mínimo 690,66 euros ao mes, xunto a un plan formativo en habilidades e competencias para o emprego impartido pola institución beneficiaria.