Miguel Corgos presenta a Administración autonómica como unha saída profesional atractiva para os novos graduados

O conselleiro de Facenda e Administración Pública participa na última mesa redonda do Xi Congreso de saídas profesionais na Coruña

Pon en valor o importante proceso de transformación e modernización da Administración galega que o Goberno está levando a cabo

Afirma que a estabilización do emprego público, a renovación dos cadros de persoal e a implantación da carreira profesional contribúen a ter persoal motivado

Explica que a dixitalización da xestión e a aplicación das novas tecnoloxías para ser máis proactivos caracterizan a Administración do século XXI

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou hoxe a Administración autonómica como unha saída profesional atractiva para os novos graduados. Fíxoo durante a celebración da última mesa redonda do XI Congreso de saídas profesionais celebrado hoxe na Coruña.

Miguel Corgos puxo en valor o importante proceso de transformación e modernización da Administración galega que o Goberno da Xunta está levando a cabo, homoxeneizando as condicións de traballo do persoal empregado público, rematando os procesos de funcionarización do persoal laboral fixo e reducindo a temporalidade.

O responsable do Emprego público en Galicia salientou, así mesmo, a implantación da carreira profesional do persoal funcionario e o complemento de desempeño do persoal laboral como ferramentas para contar con empregados públicos motivados, aos que se lle recoñece o traballo e o esforzo. Trátase, polo tanto, dunha opción de futuro que os máis novos deberían considerar.

Achegarse á cidadanía

Para o conselleiro de Facenda e Administración Pública é primordial prestixiar a Administración e, para iso é preciso achegarse á cidadanía de xeito proactivo, e ser percibidos como unha axuda. Referiuse, neste sentido, á simplificación administrativa, con menos burocracia e procedementos modernizados, a través do desenvolvemento e actualización de normativa, a racionalización de estruturas e a aplicación das novas tecnoloxías.

Miguel Corgos afirmou que é importante seguir avanzando nesa dirección, coa utilización dunha linguaxe máis sinxela e menos técnica, a redución dos tempos de tramitación e a incorporación de procedementos que a propia Administración realice de oficio.

O continuo avance das novas tecnoloxías, explicou Corgos, abre novas vías na modernización da Administración autonómica e pode situala á vangarda da innovación, aproveitando, por exemplo, que Galicia conta coa primeira Lei para o desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial e A Coruña é a sede da Agencia Española de Supervisión de la IA (AESIA).

O conselleiro de Facenda amosouse convencido do potencial da IA para liberar aos empregados públicos de tarefas repetitivas ou de procura de información, para aproveitar os recursos humanos en ocupacións de maior valor engadido.

Miguel Corgos afirmou que o principal motor dunha administración é o seu capital humano e exemplificou en primeira persoa a súa experiencia como empregado público, desde que preparou a oposición ata o seu actual posto como conselleiro.

Data de actualización: 09/10/2025