A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto á delegada territorial na Coruña, Belén do Campo, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas, Amparo Pousada, participaron na Comisión de Seguimento das obras
A Xunta licitará por máis de 400 millóns de euros as obras da segunda fase do Novo Chuac
A Administración autonómica prevé licitar estes traballos no primeiro semestre do 2026
Na Comisión de Seguimento das obras celebrada hoxe, deuse conta da actualización dos prazos para rematar a primeira fase da ampliación do complexo, destacando que a finais de ano estará rematada a demolición do Hotel de Pacientes
Allegue confirmou que a escavación da Torre Polivalente rematará en decembro para empezar despois a estrutura da nova edificación, que se estima estará lista a mediados do 2027
Na obra dos accesos, prevese que na Semana Santa se proceda á demolición do viaduto da AC-12 para avanzar no anel perimetral, tendo xa certificados o 98% do investimento comprometido para este ano
As obras da segunda fase, que se licitará no vindeiro ano, terán un prazo de execución de 60 meses
A Coruña, 9 de outubro de 2025
A Xunta licitará por 402M€ as obras da segunda fase do Novo Chuac, que incluirá a construción do edificio hospitalario principal. Prevese a licitación no primeiro semestre do 2026. Así o avanzaron a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na Comisión de Seguimento das obras de ampliación do complexo celebrada hoxe na Coruña, na que participaron tamén a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e a directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada.
Allegue subliñou que o Novo Chuac é un proxecto “absolutamente prioritario” para a Xunta e estase a impulsar “coa máxima axilidade posible que permiten os trámites administrativos e tendo en conta as dificultades que supón conxugar unhas obras de tanta envergadura coa necesidade de que o hospital siga a funcionar con garantías mentres se executan os traballos”.
Así, a conselleira deu conta na Comisión do traballo executado e en execución na primeira fase do Novo Chuac, así como das previsións futuras para a segunda fase. E lembrou que desde o inicio destas obras, mantivéronse reunións co Concello, a través dos técnicos de ambas administracións.
Sinalou que, no marco das intervencións da primeira fase, todas en marcha, está xa en funcionamento o aparcamento provisional e estase a traballar na escavación da Torre Polivalente, “que está a ser moi complicada pola dureza da rocha e pola profundidade que hai que acadar para garantir a seguridade da estrutura do novo edificio”. Prevese que esta escavación estea rematada a finais de ano, para iniciar despois a estrutura da Torre. O prazo de execución é de 18 meses, de xeito que se estima que estará finalizada a mediados de 2027. O orzamento desta obra, un edificio de 16 plantas, acada os 38M€.
Tamén está avanzando, xa na recta final, a demolición do Hotel de Pacientes, da que está certificado o 60% de execución e prevese que estea tamén rematada a finais deste ano, cun investimento de 1,4M€.
Accesos
O remate destes traballos permitirá avanzar na obra dos novos accesos ao Chuac. Xa está en servizo o viario provisional na AC 10 e a conselleira avanzou que, tal e como se acordara co Concello, na Semana Santa do 2026 procederase á demolición do viaduto da AC-12, que terá un prazo de execución do novo acceso de 12 meses.
Para iso, estase traballando no retranqueo de servizos, na mellora do terreo colindante ao Chuac no que se apoiará a estrutura e tamén na ordenación do tráfico no nó de Casablanca, e executarase a cimentación e os estribos na primavera-verán, dependendo das condicións meteorolóxicas. O investimento nos accesos acada 24M€ e a día de hoxe están certificados 4,8M€, o 98% do comprometido este ano.
Respecto da futura segunda fase, as obras prevense licitar no primeiro semestre do 2026, cun investimento de 402M€ e un prazo de execución de 60 meses. A actuación conta cun financiamento asegurado co apoio do Banco Europeo de Investimentos e dunha axuda adicional de 60M€ de fondos FEDER.
Ampliación espazos actuais
Paralelamente á planificación, deseño e exención do Novo Chuac, a Consellería de Sanidade vén traballando na mellora e ampliación dos espazos actuais. En xuño de 2024 finalizaron as obras da Fase 0.1, que supuxo un investimento de 13 M€, e neste momento trabállase no impulso da Fase 0.2, cun anteproxecto listo de melloras e ampliacións necesarias no complexo, aproveitando espazos que quedaron baleiros e que son relevantes desde o punto de vista asistencial.
Esa actuación abranguerá a reforma e ampliación das unidades de diálise e reanimación, a creación dunha unidade de probas funcionais de pneumoloxía, unha área de rehabilitación cardíaca e respiratoria e a ampliación do ximnasio e a terapia ocupacional da unidade de lesionados medulares. O primeiro paso previsto é a próxima contratación do proxecto construtivo.
Entre as melloras asistenciais previstas está a dotación dunha nova resonancia magnética, que se prevé adquirir xa o vindeiro ano.
O Novo Chuac supón o maior investimento nunha obra hospitalaria que está a acometer nestes momentos a Xunta e superará os 500M€, co fin de blindar a atención sanitaria da poboación da área sanitaria da Coruña nos vindeiros 50 anos.