O anuncio de United Airlines dun novo voo directo Santiago-Nova York abre novas oportunidades económicas e reforza Galicia como destino internacional

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2025

O anuncio da compañía United Airlines para a posta en marcha dun novo voo directo entre Santiago e Nova York é un paso histórico que reforza a posición de Galicia como destino internacional e consolida a planificación do Goberno galego de promoción con Estados Unidos como mercado prioritario, ao tempo que fortalece o noso posicionamento e abre novas oportunidades económicas.

En decisións coma esta tivo unha importante contribución a promoción en orixe realizada pola Xunta de Galicia neste mercado, que supuxo o alto interese do destino Galicia entre os estadounidenses. De feito, nun momento no que o turismo internacional supón o 30 % dos turistas que nos visitan, ata agosto deste ano 156.149 estadounidenses visitaron Galicia, un 13,4 % máis que o mesmo período de 2024 e un 73 % máis que en 2022, cando nos visitaron 90.012 estadounidenses tamén nos oito primeiros meses do ano.

EEUU é o primeiro mercado internacional en termos de gasto total en Galicia, e tamén o primeiro no que atinxe ao gasto medio diario que se sitúa en 296 euros entre xaneiro e agosto deste ano, cifra superior á do anterior 2024 -cando se situaba en 222 euros- e superior tamén á media do turista internacional na comunidade -con 151 euros por persoa e día neste caso-.

Precisamente, este é un mercado fundamental nas accións de internacionalización durante este 2025 e así se recolle no plan de promoción de Turismo de Galicia 2025, no que se invisten 13 M€.

A aposta de United Airlines reforza a posición da Xunta de Galicia en canto a promoción do destino nos mercados de orixe como estratexia para favorecer a chegada de turistas estranxeiros.

Trátase dunha decisión relevante para avanzar na conexión de Galicia con Norteamérica, nos dous sentidos. Agardamos que o Goberno central e AENA traballen para reforzar con outras conexións, nacionais e internacionais, os tres aeroportos galegos.

Data de actualización: 09/10/2025