Medio Rural avalía co concello de Porto do Son posibles proxectos de mobilización de terras
Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo unha reunión co alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, e cun grupo de gandeiros deste concello, co fin de abordar novos proxectos de mobilización de terras.
Asemade, tamén se trataron aspectos relacionados co aproveitamento do gando en extensivo, salientando a súa importancia na xestión do territorio e tamén na prevención dos incendios forestais. Cómpre destacar que a Consellería do Medio Rural levou a cabo en 2020 un pasteiro na parroquia de Baroña, que implicou un investimento de máis de 150.000 euros nunha superficie de case 30 hectáreas.
Así, ademais das actuacións para a implantación do propio pasteiro (roza, roturación, encalado, fertilización e sementeira), executouse un peche novo de máis de 2.300 metros, mellorouse o peche xa existente e colocáronse tamén 11 cancelas metálicas, dous pasos canadenses e unha manga de manexo.