Miguel Corgos destaca o crecemento da economía galega cunha taxa de paro que roza mínimos históricos e cuns orzamentos tres anos seguidos sen novo endebedamento

O Conselleiro de Facenda e Administración Pública reuniuse hoxe cos axentes económicos e sociais para informarlles sobre o proceso de elaboración de Orzamentos para 2026 

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o crecemento da economía galega, cunha taxa de paro que roza mínimos históricos e cuns orzamentos tres anos seguidos sen novo endebedamento.

O conselleiro reuniuse esta mañá cos axentes económicos e sociais para informarlles sobre o proceso de elaboración de Orzamentos para 2026 e avaliar a evolución dos principais indicadores económicos.

Durante as xuntanzas, Corgos resaltou que a evolución da economía galega ao longo deste ano superou as previsións iniciais e avanzou que en 2026, Galicia poderá encadear seis anos de crecemento económico, cunha evolución máis positiva que a media de España na postpandemia. 

Sobre o mercado laboral, precisou que, logo de conseguir estabilizar desde hai dous anos a taxa media de paro por debaixo do 10%, este ano xa estará próxima ao 8%, “e por debaixo do 8% o vindeiro ano, preto dos mínimos históricos”, aseverou. 

Así mesmo, confirmou que 2026 será o terceiro ano consecutivo cun orzamento en estabilidade, sen necesidade de novo endebedamento, e trasladou o compromiso da Xunta de facer efectiva a suba salarial para os empregados públicos que decida o Goberno central, que é o competente para fixala, tan pronto como a aprobe. 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu facendo fincapé en que, un ano máis a Xunta elabora con normalidade os orzamentos e, pese á falta de contas no Estado e de falla de información esencial para as comunidades, “os aprobaremos en tempo e forma”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2025