Medio Rural realiza traballos de acolchado de palla coa técnica do 'mulching' fronte á erosión en zonas afectadas por incendios forestais

Os labores teñen como finalidade facilitar a restauración das zonas críticas nas áreas queimadas este verán para protexelas e evitar escorrentías

Con carácter previo, levouse a cabo un levantamento topográfico e a localización, dimensionamento e deseño de parcelas en zonas afectadas e con posibles riscos hidrolóxicos e erosivos

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2025

A Consellería do Medio Rural está realizando traballos de acolchado de palla (técnica coñecida como mulching) en varias zonas afectadas polos incendios forestais deste verán, en concreto naquelas que se identificaron como máis críticas, co fin de facilitar a restauración das áreas queimadas para protexelas da erosión e evitar escorrentías. A previsión é de actuar en 200 hectáreas de terreo.

Con carácter previo a estes labores, levouse a cabo un levantamento topográfico e a localización, dimensionamento e deseño de parcelas en zonas afectadas e con posibles riscos hidrolóxicos e erosivos. En función dos resultados obtidos, desenvólvense actuacións específicas de consolidación de solos e redución da escorrentía superficial.

As actuacións fanse cun helicóptero (helimulching) que ten a súa base no Barco de Valdeorras e céntranse en áreas afectadas da provincia ourensá, especialmente da bisbarra de Valdeorras, por ser das máis sensibles á posibilidade de que se rexistre o fenómeno da erosión do chan. Tamén traballan sobre o terreo brigadas específicas. Ademais, paralelamente tamén se están a repasar pistas danadas, incluíndo as cunetas e as obras de paso para mellorar a capacidade de evacuación das augas.

A técnica do mulching permite crear unha cuberta protectora do solo empregando materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente) e aplícase cun helicóptero -helimulching- nas zonas de máis pendente e de forma manual -mulching- nas áreas accesibles a pé.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/10/2025