Arias gaba o concurso de hamburguesas de AdisLugo e Europastry por conxugar produto local de calidade e innovación

Lugo, 13 de outubro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou hoxe que o concurso de hamburguesas que promoven a Asociación de Distribuidores de Hostalaría e Alimentación de Lugo (AdisLugo) e a empresa Europastry, coa colaboración da Administración autonómica, “engade valor á gastronomía lucense porque conxuga a promoción dos produtos locais de calidade coa innovación”.

Arias asistiu hoxe no claustro da Catedral ás semifinais do certame “A mellor hamburguesa con L de Lugo”, á que chegaron 9 concursantes. Todos son profesionais da hostalería a excepción dos alumnos do IES Sanxillao Victoria Isabella Noguera e Luis Manuel Huertas, que accederon a esta fase tras gañar a proba de selección previa no centro educativo e que conseguiron ademais facerse cun dos cinco postos para a final.

O concurso enmárcase nas actividades da feira “L de Lugo”, organizada por AdisLugo e que se celebrará os próximos días 26 e 27 de outubro no Pazo de Feiras e Exposicións; en concreto, a final resolverase o último día do evento a partir das 15:30 horas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2025