A Xunta licita a renovación dos sistemas de alimentación ininterrompida do centro de proceso de datos do Servizo Galego de Saúde por máis de 100.000 €

O Centro de Proceso de Datos aloxa gran parte dos servizos tecnolóxicos que ofrece o Servizo Galego de Saúde á cidadanía

Garantiranse as necesidades de subministración cunha dispoñibilidade de 24 horas e 365 días

As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 29 de outubro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2025

A Xunta publica, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a contratación, por importe de 114.950,01 euros, da subministración e instalación de dúas unidades de alimentación ininterrompida para o Centro de Proceso de Datos do Servizo Galego de Saúde.

A través deste contrato adquiriranse equipamentos de alta eficiencia que garantirán as necesidades de subministración, cunha dispoñibilidade de 24 horas e 365 días do ano, para a infraestrutura informática e de comunicacións que se atopa instalada no Centro de Proceso de Datos do Servizo Galego de Saúde.

Neste centro alóxase unha parte importante de toda a infraestrutura tecnolóxica que dá servizo aos usuarios do sistema público de saúde.

O crecemento dos requisitos e necesidades derivadas da continua dixitalización nos diferentes procesos e actividades do Servizo Galego de Saúde fai necesaria esta renovación.

As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o 29 de outubro para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 13/10/2025