Un total de 414 escolares da área sanitaria de Ferrol participan desde hoxe no programa piloto de vacinación infantil en centros educativos

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, e a subdirectora de Enfermaría da Área Sanitaria de Ferrol, Begoña Vidal, supervisaron a primeira xornada deste programa piloto no CPR Plurilingüe Sagrado Corazón

O próximo xoves 16 de outubro un equipo de enfermería desprazarase ao CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, o outro centro da Área Sanitaria de Ferrol incluída nesta iniciativa das Consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidades e FP

Ferrol, 14 de outubro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o CPR Plurilingüe Sagrado Corazón no marco do arranque do programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe en centros escolares posto en marcha este ano polas Consellería de Sanidade e Educación, Ciencia , Universidades e FP ao que están chamados a participar un total de 414 nenos e nenas na Área Sanitaria de Ferrol.

Acompañada da subdirectora de Enfermaría da Área Sanitaria, Begoña Vidal, e do director territorial de Educación, Indalecio Cabana, Aneiros comprobou o desenvolvemento da primeira xornada de vacinación escolar no ámbito da Delegación na que un equipo de enfermería da Área Sanitaria está a inmunizar, de forma voluntaria e por vía intranasal, aos alumnos de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil e todos os cursos de Educación Primaria, é dicir de entre 3 e 11 anos.

O CPR Plurilingüe Sagrado Corazón é un dos dous centros educativos da Área Sanitaria de Ferrol incluídos neste programa piloto. O próximo xoves 16 de outubro, será a quenda do alumnado do CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira.

A delegada territorial lembrou que o obxectivo é acadar unha cobertura do 70% do alumnado matriculado nos 55 centros educativos de toda Galicia que participan no programa piloto -un total de 19.000 nenos e nenas- co obxectivo de facilitar o acceso á vacina na poboación infantil e, deste xeito, aumentar a cobertura.

Vacinación infantil nos centros de saúde

A este fío, lembrou que esta mesma semana, arrincou tamén a vacinación infantil para a poboación xeral. Así os nenos e nenas que non reciban a vacina nas escolas -ben por non estaren incluídos no programa piloto, por falta de autorización ou por outras causas- serán citados a través de sms nos seus centros de saúde. Neste caso a vacinación subministrarase a nenos de entre 6 meses e ata os 11 anos -a ampliación da idade de vacinación infantil é unha das novidades incluídas na campaña deste ano-. De forma simultánea onte iniciouse tamén a vacinación fronte á gripe e á covid-19 de persoas inmobilizadas de calquera idade e dos seus coidadores.

A partir do 20 de outubro, citarase ás persoas de máis de 70 anos a vacinarse no seu centro de atención primaria e abrirase tamén a campaña para o persoal sanitario e as persoas en situación de inmunodepresión.

Aneiros aproveitou a ocasión para facer un chamamento á cidadanía a sumarse á campaña de vacinación fronte á gripe e á covid-19 que conclúe o próximo 31 de decembro e coa que o Goberno galego pretende seguir consolidando a posición dianteira que ten Galicia en materia de prevención ao contar co calendario de vacinación máis completo do mundo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2025