A Xunta avoga por un modelo de xestión compartida dos fondos europeos e o reforzo do papel dos entes territoriais

Galicia aposta por unha Política de Cohesión europea máis forte e moderna, onde as rexións teñan un papel fundamental

O director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío Tobar, participou hoxe na Comisión de Competitividade e Fondos da Unión Europea da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)

A xornada analiza a proposta da Comisión Europea sobre o novo Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025

A Xunta avoga por un modelo de xestión compartida dos Fondos Europeos e o reforzo do papel dos entes territoriais. Galicia aposta por unha Política de Cohesión europea máis forte e moderna onde as rexións teñan un papel fundamental á hora de deseñar e xestionar as accións necesarias para abordar os retos de cada territorio.

Así o explicou o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, Ángel Tarrío Tobar, durante a súa participación na Comisión de Competitividade e Fondos da Unión Europea da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

A xornada analiza a proposta da Comisión Europea (CE) relativa ao novo Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028-2034, que procura cambios na gobernanza dos fondos europeos. Ángel Tarrío advertiu que o enfoque da CE pode dar pé a unha centralización das decisións nos Estados membros, o que restaría transparencia á distribución territorial dos recursos e debilitaría o papel das rexións na definición das prioridades de gasto.

O director xeral de Fondos Europeos lembrou que, se ben Galicia comparte o consenso en relación á reforma da política de cohesión para simplificar os instrumentos de financiamento, a Xunta aposta por unha gobernanza multinivel, con participación directa das Comunidades Autónomas no deseño tanto do marco financeiro, como dos obxectivos estratéxicos, do enfoque a resultados e dos criterios de asignación.

Para Ángel Tarrio é necesario un orzamento específico, diferenciado e suficiente para a Cohesión, que permita reducir as diferenzas entre os niveis de desenvolvemento das diversas rexións, xa que só unha Europa cohesionada pode responder aos retos xeopolíticos actuais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2025