A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, resposta hoxe a unha pregunta no Parlamento de Galicia

Allegue: “O Novo Chuac avanza coa máxima axilidade posible e será dos hospitais máis modernos e vangardistas do país”

M. Allegue subliña que o proxecto avanza coa prioridade de garantir a asistencia sanitaria durante as obras, e coas principais incógnitas xa despexadas: a disposición de terreos, o financiamento do BEI coa axuda directa de 60M€ ou as obras previas

Salienta que todas as actuacións da primeira fase están xa en marcha, tendo agora mesmo mobilizados 85M€

Indica que a segunda fase do proxecto se licitará no primeiro trimestre de 2026, cun orzamento de 402 M€ e un prazo de execución de 60 meses, converténdose así na maior obra hospitalaria en marcha en Galicia

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, afirmou hoxe no Parlamento que “o Novo Chuac avanza coa máxima axilidade posible e será dos hospitais máis modernos e vangardistas do país”.

Na súa resposta a unha pregunta parlamentaria, Allegue repasou o intenso traballo previo  que fixo a Xunta, na que en todo momento se tivo como prioridade que o hospital siga a funcionar con todas as garantías mentres se executan as obras.

Fixo fincapé en como as principais incógnitas están xa despexadas: a disposición de terreos, o financiamento do Banco Europeo de Inversións coa axuda directa de 60M€, única CCAA que acadou este apoio, ou as obras previas. “A Xunta ten en marcha todas as intervencións da primeira fase”,  tendo agora mesmo mobilizados 85M€, sinalou.

A responsable da Xunta lembrou que se trata dunha actuación absolutamente prioritaria para o Goberno galego, concibida para garantir a mellor atención sanitaria na Coruña nos vindeiros 50 anos. Fixo fincapé que o proxecto avanza dentro dos prazos administrativos e técnicos dunha obra desta magnitude, coa prioridade de “manter a actividade hospitalaria con todas as garantías e coas menores interferencias posibles”.

A conselleira subliñou que desde a Xunta  xa se está traballar na supervisión do proxecto da segunda fase do novo Chuac, e se conta para iso coa colaboración do Concello, en concreto do servizo de bombeiros. Así, dixo, se traballa co compromiso, para que no primeiro semestre do 2026, poida estar licitado este contrato desta fase 2. 

Será a obra de edificación máis grande do novo CHUAC, cunha estimación de 402 M€, afirmou. Un hospital que situará a área sanitaria de A Coruña en referente a nivel Galicia e a nivel España, destacou.

Avance do proxecto

A conselleira lembrou que o novo Chuac representa "o maior investimento hospitalario que a Xunta está a acometer nestes momentos”, cun orzamento global superior aos 500 millóns de euros.

Destacou que a primeira fase está xa en pleno desenvolvemento, con todas as intervencións en marcha e varios fitos acadado, como son o derrubo interior do Hotel de Pacientes, xa completado, e a demolición exterior, en curso, cun investimento de 1,4 millóns de euros; ou o inicio da cimentación da Torre Polivalente, cun orzamento de 38 M€ e remate previsto a mediados de 2027.

Tamén se referiu á urbanización de Pedralonga, que avanza a bo ritmo e se completará no primeiro trimestre de 2026; á posta en marcha do aparcamento provisional e do novo viario de saída á AC-10, con acceso exclusivo para ambulancias; e a previsión de derrubar o paso elevado sobre a AC-12 durante a Semana Santa de 2026, paso imprescindible para continuar co plan de obra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2025