A Xunta reparte preto de 100.000 euros en axudas a 23 negocios de Ferrolterra para o impulso da innovación e a sostibilidade do comercio local e artesanal
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta da resolución desta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración durante unha visita ao establecemento Cerámicas Toxo, en Ortigueira
A orde que ten tres liñas de axuda, contou este ano cun orzamento de case 4 M€
Ortigueira (A Coruña), 16 de outubro de 2025
A Xunta de Galicia reparte este ano preto de 100.000 euros en axudas a 23 negocios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para o impulso da dixitalización, da modernización e da sostibilidade do comercio local e artesanal. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, ofreceu este balance de datos durante unha visita realizada ao establecemento Cerámicas Toxo, en Ortigueira, un dos comercios beneficiarios desta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Esta tenda de venda ao por menor de artigos de cerámica artesanal de Sargadelos, percibiu unha achega de preto de 9.000 euros para levar a cabo obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, actuacións de illamento térmico na fachada, mellora da eficiencia enerxética nos sistemas de iluminación e climatización e adquisición dunha pantalla, dunha impresora de código de barras e unha báscula dixital.
A delegada territorial, que estivo acompañada polo alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, puxo en valor o compromiso da Xunta co comercio de proximidade e resaltou a importancia de apoialo a través de convocatorias de axudas coma esta que este ano contou cun orzamento de case 4 M€.
Explicou que esta orde conta con tres liñas de axudas: a de dixitalización e innovación comercial dentro da que se financiarán actuacións como a implantación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital ou loxística e-commerce, entre outros servizos. A través da liña de modernización comercial sufragaranse aquelas actuacións dirixidas á mellora da imaxe, eficiencia do local e os recursos e calidade do produto final como obras de reforma, proxectos de interiorismo ou adquisición de maquinaria. Finalmente, coa liña de sostibilidade ambiental financiaranse as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe.
Nos tres casos, a intensidade da subvención é do 80% do investimento máximo subvencionable, unha das novidades introducidas na convocatoria deste ano coa que o Goberno galego pretende garantir a competitividade no sector.
Precisamente en relación á innovación no comercio, a delegada tamén se referiu á xornada Impulsando o comercio galego: Innovación, dixitalización e experimentación que terá lugar este venres en Santiago, organizada pola Xunta no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e que busca compartir coñecemento, sumar esforzos e ofrecer ferramentas que reforcen a competitividade do tecido comercial da nosa Comunidade.