A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta colaborará co Concello de Arteixo na busca de vías de financiamento para executar varias obras de saneamento e abastecemento no municipio

Ángeles Vázquez e Carlos Calvelo abordaron tamén a marcha das obras do colector interceptor en Suevos, cun orzamento total de 2,7 M€ e que avanzan segundo o previsto

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025

A Xunta, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Arteixo colaborarán na busca de posibles vías de financiamento, incluídos fondos europeos, para impulsar varios proxectos orientados a cubrir as necesidades actuais do municipio en materia de saneamento e abastecemento.

Así o acordaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, que mantiveron unha reunión en Santiago para abordar diversos asuntos de interese municipal no marco das competencias que ten actualmente este departamento autonómico.

En concreto, a conselleira explicoulle ao rexedor que persoal de Augas de Galicia analizará os proxectos achegados polo Concello para determinar se é factible captar fondos da UE para algún deles, así como a posible implicación do organismo hidráulico.

Así mesmo, durante a reunión analizaron tamén o estado das obras do novo colector interceptor entre Suevos e a estación depuradora de Bens, adxudicadas por Augas de Galicia este verán e que actualmente avanzan segundo o previsto.

Cómpre lembrar que esta actuación, cun orzamento total estimado de 2,7 millóns de euros e en cuxo financiamento participan, ademais da Xunta, a Autoridade Portuaria da Coruña e o propio Concello de Arteixo, xorde como resposta ao funcionamento deficiente e aos rebordes do actual colector.

Nese senso, e aínda que a prestación dos servizos municipais de augas son unha competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten. De feito, Augas de Galicia conta para este ano cun orzamento global de 144 millóns de euros (case un 5% máis que en 2024) para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas hidráulicas, a formación e a divulgación, e a execución de políticas activas fronte ao cambio climático.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2025