A Xunta adxudica por máis de 4 M€ o subministro de ecógrafos para distintos servizos do hospital Novo Montecelo de Pontevedra

Adquírese equipamento de endoscopia dixestiva, ecógrafos para xinecoloxía e obstetricia, ecocardiógrafos, ecógrafos de radiodiagnóstico, de uroloxía, de cirurxía xeral e dixestiva

O Servizo Galego de Saúde compra tamén ecógrafos para os servizos de anestesia, a nova UCI pediátrica, urxencias, medicina interna, nefroloxía, pneumoloxía, rehabilitación, reumatoloxía, traumatoloxía, otorrinolaringoloxía, radioloxía intervencionista ou neuroloxía

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2025

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, adxudicou 10 lotes, por 4.026.377,85 euros en total, do contrato de subministración de ecógrafos con destino aos diferentes servizos do Hospital Público Novo Montecelo de Pontevedra.

En concreto, adxudícase a Fujifilm Healthcare España S.A. por 231.103,95 euros o lote referido a equipamento de ecoendoscopia dixestiva consistente nunha plataforma ecográfica, un videoecoendoscopio radial e outro terapéutico.

A empresa General Electric Healthcare España S.A. entregará oito ecógrafos para xinecoloxía e obstetricia por 544.500 euros.

Subministraranse sete ecocardiógrafos por parte de Philips Iberica S.A.U. por valor de 662.085,38 euros.

A empresa Canon Medical Systems S.A. entregará dous ecógrafos de radiodiagnóstico por 254.100 euros.

Resulta adxudicataria Celta Ingenieros S.L. por 453.508 euros para a subministración de seis ecógrafos para uroloxía.

Adxudícanse a General Electric Healthcare España S. A. por 205.337 euros dous ecógrafos para dixestivo.

A empresa Celta Ingenieros S.L. subministrará  dous ecógrafos para o servizo de cirurxía xeral e dixestiva por 157.239,50 euros .

Adxudícanse a General Electric Healthcare España S.A. por 753.807,01 euros a compra de tres ecógrafos para medicina interna, dous para nefroloxía, un para pneumoloxía, un para otorrinolaringoloxía, dous para rehabilitación, un para reumatoloxía e outro máis para traumatoloxía.

Ademais a mesma empresa resulta adxudicataria, por 343.617,01 euros do lote que supón a entrega de tres ecógrafos para o servizo de anestesia e reanimación, un para a UCI de adultos, outro para a nova UCI pediátrica e dous para urxencias.

Subministraranse por parte de Philips Ibérica S.A.U. un ecógrafo para anxioloxía e cirurxía vascular, outro para radioloxía intervencionista, outro ecógrafo para intervencionismo cardiovascular e un ecógrafo máis para neuroloxía por valor de 421.080 euros.

Gran funcionalidade

A ecografía é un procedemento de diagnóstico por imaxe que permite ver órganos e estruturas brandas dentro do corpo. Mediante este procedemento pódese visualizar calquera parte do corpo identificando con claridade a forma e tamaño de cada estrutura do seu interior.

Por outra banda, estes equipos ofrecen a posibilidade de estudar os distintos tecidos do corpo, como é o caso do fluxo sanguíneo de arterias e veas para detectar arteriosclerose e coágulos; analizar a glándula tiroides e outras estruturas brandas do pescozo; de tendóns, ligamentos, músculos e estruturas das articulacións; das glándulas mamarias ou para o estudo pelviano.

Ademais, actualmente as ecografías pódense combinar con outros procedementos como punción con agullas para biopsia, endoscopios ou outros equipamentos dando lugar a imaxes de fusión.

Data de actualización: 17/10/2025