A Xunta licita por 13,3 M€ un total de 1.263 prazas en centros de rehabilitación psicosocial e laboral para enfermos con trastorno mental grave

O Goberno galego incrementa nun 33 % as prazas nestes centros integrais no marco da súa aposta por reforzar a atención á saúde mental

A rehabilitación psiquiátrica é un proceso destinado a mellorar a funcionalidade das persoas con trastorno mental grave, favorecendo a súa integración na comunidade

A derivación a estas unidades realízase desde os dispositivos asistenciais vencellados aos servizos de psiquiatría do Servizo Galego de Saúde

A finalidade destas prazas é facer efectiva a integración na sociedade e no mercado laboral do maior número posible das persoas con trastorno mental grave

O Plan estratéxico de saúde mental de Galicia, en fase de elaboración, impulsará o modelo de saúde mental comunitario, fomentando a autonomía e os dereitos das persoas con problemas de saúde mental

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2025

A Xunta a través da Consellería de Sanidade, licita hoxe un total de 1.263 prazas en centros de rehabilitación psicosocial e laboral para enfermos con trastorno mental grave, por importe de 13.337.280 euros para dous anos de duración. No marco da aposta do Goberno galego por reforzar a atención prioritaria á saúde mental, este concurso, publicado no Portal de Contratos Públicos de Galicia, recolle un incremento do 33 % das prazas nestes centros integrais con respecto ás 949 da anterior contratación.

As entidades interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 31 de outubro para presentar as súas ofertas.

A rehabilitación psicosocial é un proceso destinado a mellorar a funcionalidade das persoas con trastorno mental grave favorecendo a súa integración na comunidade. Este proceso require dun conxunto de intervencións e apoios a estas persoas e aos seus familiares, que son prestados a través dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral.

A derivación a estas unidades realízase desde os dispositivos asistenciais vinculados aos servizos de psiquiatría do Servizo Galego de Saúde, unha vez determinadas as necesidades sociais e de apoio por parte do equipo multidisciplinar responsable do paciente.

A finalidade destas prazas é favorecer a integración na comunidade e no mercado laboral do maior número posible das persoas con trastorno mental grave.

Esta medida está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027.

Modelo integral

O Executivo galego ten por obxectivo implantar, con esta iniciativa, un novo modelo integral en que os usuarios destes centros de rehabilitación sexan guiados cara a itinerarios formativos que terán o obxectivo de promover a adquisición dun emprego remunerado.

Para tal efecto, é preciso traballar no seo destes centros todos os aspectos do funcionamento social e laboral desde a orientación vocacional, a formación en hábitos básicos de traballo e habilidades de axuste laboral, o apoio á formación profesional, o adestramento en habilidades de busca de emprego e o apoio á inserción laboral.

As prazas nestes centros de rehabilitación distribúense por zonas xeográficas en función das áreas de influencia dos dispositivos de saúde mental do Servizo Galego de Saúde, o que favorecerá a coordinación entre os profesionais responsables da atención sanitaria a estes pacientes e o equipo que presta o servizo nas unidades de apoio comunitario.

Cómpre remarcar que o Plan de acción 2025-2027, aprobado polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en abril deste ano, incide no apoio a un modelo de saúde mental comunitario próximo ao lugar de residencia da persoa, involucrando aos axentes clave para previr a institucionalización e fomentar a autonomía e os dereitos das persoas con problemas de saúde mental.

Estes aspectos foron tamén recollidos no Plan de saúde mental poscovid da Xunta 2020-2024 e estarán no novo Plan estratéxico de saúde mental de Galicia, que se atopa en fase de elaboración por parte do Executivo galego.

Data de actualización: 17/10/2025