A Xunta e os colexios profesionais do ámbito sanitario acordan a implantación en Galicia da plataforma que permitirá a prescrición de receita electrónica privada
O Executivo galego asina os convenios de colaboración co Consello de Colexios Médicos de Galicia, os Colexios Oficiais de Odontólogos e Estomatólogos, o Colexio Oficial de Podólogos e os catro colexios oficiais de Farmacéuticos
A Xunta destinará unha partida de 23.232 euros para pór á disposición destes colectivos profesionais unha ferramenta tecnolóxica que permitirá asegurar o seguimento e o control dos medicamentos e produtos sanitarios
A plataforma optimizará a transmisión de información entre os distintos profesionais sanitarios ao tempo que axilizará os procesos administrativos vinculados á prescrición e dispensación de medicamentos
Galicia foi pioneira en España na implantación do sistema de receita electrónica no ámbito público co modelo E-receita, no ano 2008
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2025
A Consellería de Sanidade vén de asinar tres convenios de colaboración co Consello de Colexios Médicos de Galicia, os colexios oficiais de Odontólogos e Estomatólogos, o Colexio Oficial de Podólogos e os catro colexios oficiais de farmacéuticos para a instauración da plataforma de prescrición de receita electrónica privada.
O Executivo galego destinará unha partida de 23.232 euros para pór á disposición destes colectivos profesionais unha ferramenta tecnolóxica que permitirá asegurar o seguimento e o control dos medicamentos e produtos sanitarios dispensados baixo receita privada, así como axilizar os procesos administrativos vinculados á súa prescrición.
A protección do paciente e a necesidade de unificar a receita médica privada electrónica xustifican a necesidade de formalizar este instrumento que favorecerá que o departamento sanitario galego desenvolva accións de control, tanto sobre a prescrición dos profesionais da medicina, da odontoloxía e da podoloxía, como sobre a dispensación a través das oficinas de farmacia.
Nesta plataforma de prescrición homologada confluirán todos os axentes implicados, posibilitando a debida transmisión de información entre profesionais sanitarios ao tempo que mellora a súa interoperabilidade.
Pioneiros na receita electrónica do sistema público
Galicia foi pioneira en España na implantación do sistema de receita electrónica no ámbito público co modelo E-receita, no ano 2008. Así mesmo, tamén foi das primeiras comunidades en incorporarse ao proxecto de interoperabilidade do Sistema Nacional de Saúde, en marzo de 2017; e ao proxecto de interoperabilidade europeo en 2023.
Este sistema interoperable permite á cidadanía moverse por todo o territorio nacional e obter os seus medicamentos en calquera oficina de farmacia, independentemente da comunidade onde fosen prescritos.
A Xunta segue a traballar en novas ferramentas que axilicen os diferentes procesos sanitarios co obxectivo de acadar un sistema máis seguro, sostible e eficiente.