O conselleiro de Sanidade, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, avanzou as principais partidas en sanidade para a cidade
Gómez Caamaño avanza que os orzamentos da Xunta para 2026 destinan case 50 M€ para impulsar as obras do CHUAC e Santa Lucía e adquirir novo equipamento sanitario
Concreta que a Xunta destinará 43,7 millóns a impulsar as obras do Novo Chuac, onde hai actualmente mobilizados xa máis de 85 millóns e se prevé licitar no primeiro semestre do ano as obras da segunda fase cun investimento de máis de 400 millóns
Subliña que se impulsará o proxecto para mellorar os servizos asistenciais, con 1,7 millóns consignados para 2026 que permitirán a dotación dunha nova resonancia e a ampliación do ximnasio e a terapia ocupacional da unidade de lesionados medulares
Tamén se consignan 4,4 millóns de euros para financiar as obras do novo centro de saúde de Santa Lucía, que debe executar o Concello no marco do proxecto de rehabilitación do novo mercado
A Coruña, 18 de outubro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou este mediodía que os Orzamentos da Xunta para 2026 destinarán case 50 millóns de euros para impulsar as obras do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, o centro de Saúde de Santa Lucía e a adquirir novo equipamento sanitario.
Xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, o conselleiro de Sanidade detallou as partidas máis destacadas do proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta do ano 2026 que onte aprobou o Consello da Xunta. Unhas contas que, tal e como lembrou Gómez Caamaño, supoñen un total de 14.240 millóns, un 2 % de incremento con respecto a 2025, e que teñen un marcado carácter social. Non en van, tres de cada catro euros, máis de 10.600 millóns, se destinarán a gasto social.
Neste marco, Gómez Caamaño incidiu en que a sanidade pública será a gran prioridade dos Orzamentos da Xunta de 2026, superando, novamente, a barreira dos 5.000 millóns de euros e captando preto do 40 % do orzamento.
Concretamente e para a cidade da Coruña, detallou que a Xunta destinará no próximo exercicio 43,7 millóns a impulsar as obras do Novo Chuac, onde hai actualmente mobilizados xa máis de 85 millóns de euros e se prevé licitar, no primeiro semestre do ano, as obras da segunda fase, dos novos edificios, cun investimento que supera os 400 millóns de euros.
De forma paralela e tal e como se ten comprometido, a Xunta impulsará o proxecto para mellorar servizos asistenciais, con 1,7 millóns de euros consignados. Gómez Caamaño explicou que este investimento permitirá a dotación dunha nova resonancia magnética e a ampliación do ximnasio e a terapia ocupacional da unidade de lesionados medulares.
Xunto con isto, engadiu, as contas do Executivo autonómico de 2026 reservan 4,4 millóns de euros para financiar as obras do novo centro de saúde de Santa Lucía, que debe executar o Concello no marco do proxecto de rehabilitación do antigo mercado.
Estas partidas, que suman case 50 millóns de euros, son, dixo Gómez Caamaño, os principais investimentos -que non os únicos-, que a Consellería de Sanidade realizará na cidade da Coruña o vindeiro ano 2026 e farán posible materializar a vontade da Xunta “de impulsar a gran transformación e modernización das infraestruturas e equipamentos sanitarios da Coruña”, remarcou.
O conselleiro de Sanidade tamén se referiu á partida que en 2026 se destinará á vacinación que medra ata acadar os 48,2 millóns de euros, 7,2 millóns máis que este ano, o que supón un incremento de máis do 17 %. Este incremento permitirá non só consolidar o calendario de vacinación para toda a vida máis completo do mundo, senón ademais incrementar a protección da saúde dos maiores.