Tres candidaturas galegas optan como finalistas á XVIII edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2025
O torneiro Aitor Martínez (Tomiño), opta ao Premio Produto pola súa colección Mundos e a artesá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela) está nomeada na categoría de Emprendemento
A Fundación Artesanía de Galicia é de novo finalista polo seu proxecto Artesanía no Prato e competirá polo galardón na categoría Promociona Entidades Públicas, categoría na que xa resultou gañadora en tres ocasións
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2025
Tres candidaturas galegas optan como finalistas aos XVIII Premios Nacionales de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. O torneiro Aitor Martínez (Tomiño) opta ao premio Produto, a artesá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela), é finalista na categoría Emprendemento, e a Fundación Artesanía de Galicia competirá polo Premio Promociona Entidades Públicas co seu proxecto Artesanía no Prato, no que se busca incorporar a Artesanía de Galicia á gastronomía como soporte dos menús para incrementar a singularidade e a exclusividade da proposta resultante.
Os Premios Nacionais de Artesanía convócanse anualmente co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e á competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán. Constan de 5 categorías: Premio Nacional de Artesanía, Premio Produto, Premio Emprendemento, Premio Promociona Entidades Públicas e Premio Promociona Entidades Privadas.
Finalistas galegos
En relación cos finalistas galegos deste certame, o torneiro de madeira Aitor Martínez, do obradoiro Aitor. (Tomiño), competirá polo Premio Produto pola súa colección Mundos.
O seu produto baséase na utilización da materia prima sustentable e coa trazabilidade documentada a través da ferramenta FORTRA coa idea de poñer en valor a orixe e a materia da que se dispón no territorio. No ano 2024 Aitor resultou gañador do Premio Joven Promesa do Círculo Fortuny, finalista do Premio Artesanía de Galicia 2024 e do Premio Produto. Nesta ocasión competirá polo Premio Produto xunto con Pablo Fernández Romero e Atelier Mel Design.
Por outra banda, a artesá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela) e especializada no traballo co feltro opta ao Premio Emprendemento. A traxectoria de Sandra Vilas empeza coa elaboración de complementos de moda en feltro - entre os que destaca a reinterpretación da boina tradicional galega desde unha ollada contemporánea - e na actualidade é xa unha artesá especialista no traballo do material en si mesmo, co que consegue elaborar verdadeiras esculturas téxtiles. O punto de inflexión chega cando comeza a traballar cunha marca de luxo, que implicou un crecemento exponencial do equipo e a optimización dos procesos sen sacrificar a singularidade e o acabado artesanal de cada peza. A raíz desta colaboración, no 2023, nace formalmente a empresa coa que opta ao premio, consolidando un modelo de emprendemento que une identidade local, excelencia técnica e visión de futuro, e que permite escalar a produción sen renunciar ao traballo artesanal. Na categoría Emprendemento competirá con Paz González Mesa e Barrikupel.
Ademais, a Fundación Artesanía de Galicia, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, volve ser finalista na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto pioneiro Artesanía no Prato, impulsado pola Xunta desde 2023 e que une a artesanía e a gastronomía, dous ámbitos vinculados ao territorio e á produción local que esta iniciativa enxalza mutuamente, mellorando a experiencia sensorial para o consumidor. Nesta mesma categoría competirán a Fundación Centro Nacional del Vidrio pola Real Fábrica de Cristales de la Granja e a Universitat Politécnica de Valencia pola súa Cátedra de Artesanía.
A Fundación Artesanía de Galicia xa resultou gañadora deste galardón nos anos 2012 por conxugar o apoio aos oficios tradicionais cunha aposta pola innovación e adaptación aos novos mercados; no 2016 polo proxecto Enredadas e no 2023, polo evento Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra en Agolada.