Belén do Campo reúnese co xerente de ExpoCoruña para repasar o calendario de eventos dos vindeiros meses

A Coruña, 24 de outubro de 2025

A delegada territorial da Xunta na Coruña mantivo unha reunión de traballo co xerente de ExpoCoruña, na que repasaron o calendario de feiras, congresos e actividades que acollerá o recinto nos vindeiros meses, así como as previsións para o próximo ano.

Durante o encontro, destacouse a intensa actividade que vive estes días o recinto coa celebración do Evento do Motor, unha das citas máis esperadas polo público afeccionado ao sector da automoción. Antes de que remate o ano, ExpoCoruña tamén será escenario de Expotaku, o Campionato de Dardos, Galicia Home Meeting – I Feira da Construción de Galicia, e a Feira Lama Zeta, dedicada á xardinaría e á cerámica.

A delegada subliñou a importancia deste tipo de iniciativas “pola súa capacidade para dinamizar a economía local e atraer visitantes de toda Galicia e doutras comunidades”, e salientou o papel de ExpoCoruña “como espazo de referencia para a celebración de feiras e eventos de todo tipo”.

De cara a 2026, xa están confirmadas citas como Exporock e Congreso EBBA 2026 de European Eye Bank Association, ademais de numerosos eventos corporativos e encontros profesionais que continuarán consolidando a oferta do recinto.

O xerente de ExpoCoruña puxo en valor o compromiso do equipo do recinto por seguir impulsando unha programación diversa, innovadora e aberta a todos os públicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2025