A Xunta pon en valor o concurso impulsado polo Centro Comercial Aberto de Redondela para que a mocidade aporte ideas en beneficio do comercio
Redondela (Pontevedra), 24 de outubro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe a unha das charlas organizadas no marco do concurso Teen Activa Comercio Local, promovido polo Centro Comercial Aberto de Redondela e apoiado pola Xunta no marco das axudas a este tipo de entidades. Alí, puxo en valor a iniciativa que anima á mocidade a presentar ideas tecnolóxicas con intelixencia artificial en beneficio do comercio desta localidade pontevedresa.
O director xeral celebrou que accións coma esta avoguen pola incorporación das novas tecnoloxías ao tecido comercial co gallo de adaptarse ás tendencias actuais e ás demandas cada vez máis esixentes das persoas consumidoras. Lembrou convocatorias nesa liña do Goberno galego como os preto de 4 M€ para avanzar na innovación, modernización e sustentabilidade do sector comercial e artesanal, no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.